Xoves. 28.03.2024
El paciente ingresaba en Urgencias sobre las 22:00 horas.
O Sergas anunciou hoxe a redación do proxecto para un novo servizo de Urxencias e PAC do hospital verinense. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Hai máis de dous anos que o proxecto de ampliación do hospital de Verín estaba ideado e mesmo confirmado pola Xerencia de Área de Ourense sendo Comesaña o seu máximo responsable. Xa nunha entrevista recén chegado Miguel Abad á dirección do hospital de Verín confirmaba, por aquel entón, que esa reforma estaba enriba da mesa pero "que correspondía á Consellería facer o anuncio", dicía a principios do 2018. 

O certo é que esta mesma mañá, o Sergas facía pública a apertura do concurso de licitación para redactar o proxecto básico, de execución e dirección das obras por un importe de 156.903,70 euros e un prazo, dende a súa adxudicación, dun mes para o proxecto básico, e tres para o resto. No comunicado tamén se anuncia o importe total de inversión, que será de 2,3 millóns de euros e permitirá reubicar o servizo de Urxencias e o Punto de Atención Continuada (PAC) nun novo espazo, duplicando o dispoñible e mellorando a súa accesibilidade e eficiencia enerxética. 

O pasado día 2 de decembro, a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas aprobaba o seu plan funcional no que se recollía a construcción da nova edificación de urxencias do clínico verinense. Disporá dunha superficie total de 1.229 metros cadrados e estará repartida en tres espazos, isto é, un xeral de 395 metros cadrados, onde estará situada a admisión de pacientes, o triaxe -é dicir, a clasificación dos pacientes segundo o seu grao de urxencia-, catro consultas médicas, unha consulta de enfermería, unha sala de curas, os despachos do xefe de servizo e a supervisora, de información e de traballo de médicos, un oco para as padiolas e as cadeiras de rodas, as salas de espera de pacientes e familiares, a farmacia, un almacén, os aseos e os oficios.

Tamén haberá un espazo de 309 metros cadrados adicado á "Área de críticos e urxentes", cun amplo box para os primeiros, cinco para as urxencias, un control de enfermería e tres salas: unha de observación con cinco camas -de 75 metros cadrados-, outra de tratamento co capacidade para seis camillas e oito sillóns e unha sala de prealta, ademáis dos oportunos aseos para os pacientes. 

Unha "Área de estar" para o persoal de urxencias tanto do hospital como do punto de atención continuada, con comedor, sala de reunións, seis dormitorios e vestiarios completará o novo espazo. 

A data límite para presentar ofertas será o vindeiro día 6 de febreiro.

 

O Sergas anuncia agora, dous anos despois de pedilo o exdirector Miguel Abad, o...