Venres. 29.03.2024
Aqueles establecementos que non queiran acollerse ao acordo voluntario non terán posibilidade de atender aos seus clientes, aínda que abran

Seoane decretou o peche das terrazas horas antes de que Sanidade prohibise que os bares sirvan no interior

Se vostede é propietario dun bar en Verín e non quere acollerse ao acordo voluntario de peche durante dez días, saiba que non terá posibilidade de atender aos seus clientes. Gerardo Seoane decretou pola mañá o peche das terrazas. Sanidade elevou pola tarde o nivel de restricións en Verín, prohibindo que se sirva no interior de bares e cafeterías. Tamén a consellería vén de limitar as xuntanzas, tanto públicas como privadas, a dez persoas en toda a comunidade autónoma
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, vén de decretar a supresión de licencias de terrazas. | FOTO: Noelia Caseiro.
O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, vén de decretar a supresión de licencias de terrazas. | FOTO: Noelia Caseiro.

No pleno desta mañá celebrado na Casa da Cultura de Verín deuse conta do acordo alcanzado pola maioría dos empresarios do sector da hostalería co Concello verinense polo que a meirande parte dos propietarios de establecementos decidiron pechar ata o vindeiro día 22 de outubro. O acordo, voluntario, permitía que o que non quixera adherirse poidese seguir abrindo as súas instalacións, polo menos no seu interior, porque un par de horas despois das 9:30 horas, o rexedor, Gerardo Seoane, asinaba un decreto no que deixaba sen licencia todas as terrazas da vila, é dicir, clausuraba de facto todas as instalacións exteriores dos bares, o que limitaba o servizo só ás mesas do interior dos establecementos que, voluntariamente, quixeran permanecer abertos. 

Pois ben, Sanidade vén, esta mesma tarde, de cercenar toda posibilidade a eses bares cuxos donos queiran desmarcarse da medida acordada pola maioría. A Consellería de Sanidade decidiu elevar ao nivel tres de restrición ao concello de Verín, no que se mantén a limitación de xuntanzas a grupos de convivintes. Bares e cafeterías -aqueles que queiran seguir abrindo- limitaríanse, en teoría, a atender nas terrazas a grupos de persoas convivintes, posibilidade que co decreto do rexedor verinense xa non queda contemplada. É dicir, só os restaurantes poderán servir no seu interior e cun aforo limitado ao 50%. 

Só dez persoas xuntas en reunións públicas e privadas en Galicia


A Consellería de Sanidade, ademais, vén de acordar limitar as xuntanzas en toda Galicia, tanto públicas como privadas, a un máximo de dez persoas, logo da reunión do comité clínico que fai seguimento da evolución da covid-19 na comunidade autonóma desta tarde, tras constatar o aumento de contaxios en xuntanzas sociais e familiares.

Seoane decretou o peche das terrazas horas antes de que Sanidade prohibise que os bares...