Venres. 29.03.2024
No seu discurso de investidura enumerou as catro principais eivas das que adoece o municipio

Seoane anuncia 12 millóns de euros en catro anos "para combatir os problemas estruturais da vila"

Os maiores, "e as labores que eles deixaron de facer e que nós teremos que facer"; a falta de oportunidades, os traballos precarios e a deficiente formación nas novas tecnoloxías son, segundo o rexedor no seu discurso de toma de posesión do novo mandato que lle encargaron os verinenses co apoio do BNG, os catro principais problemas do municipio para os que vén de comprometer 12 millóns de euros de inversión nos vindeiros catro anos.

gerardotomaposesión1
Gerardo Seoane, co bastón de mando do Concello de Verín. | FOTO: CARLOS MONTERO

Sin sorpresas. Gerardo Seoane é, de novo e cos votos favorables dos que ata o de agora foron os seus socios de Goberno, Bloque Nacionalista de Galicia, alcalde da vila de Verín por, alomenos, outros catro anos máis. Precisamente, pouco antes de que dese comezo o pleno extraordinario de toma de posesión de cada unha das actas de edís, as dúas formacións do anterior -e xa actual- bipartito verinense asinaban o documento de pacto de Goberno do mandato, aínda que, como así asegurou Gerardo Seoane, as principais modificacións no equipo "virán logo de rematado o verán, onde se fará algunha que outra reorganización administrativa entre o persoal laboral e o funcionario do Concello de Verín, ademais de definir con claridade as misións e obxectivos dos novos concelleiros que conforman o equipo de Goberno".

firmapactobipartidoOs concelleiros de PSdeG e BNG, no momento de asinar o documento do pacto de Goberno minutos antes do pleno de constitución da nova Corporación. | FOTO: CARLOS MONTERO

Unha vez que tomaron posesión os novos edís das distintas formacións políticas, nomeados un a un pola secretaria municipal, procedeuse á votación que acabou por refrendar, catro anos máis, a Gerardo Seoane Fidalgo, o independente cabeza de lista do Partido dos Socialistas de Galicia, como rexedor de Verín.

OS PROBLEMAS DO MUNICIPIO...

No seu discurso tras a votación, Seoane Fidalgo, en pouco máis de cinco minutos, enumerou as que serán as principais liñas do seu Executivo como resposta aos problemas "profundos, agora chamados estruturais" que, ao seu entender, lastran á sociedade verinense: o envellecemento da poboación, a falta de oportunidades que "se produce por unha mala xestión, ou por una mala educación no que ao tratamento dos nosos recursos naturais se refire"; os "traballos precarios, que nos obrigan a longos horarios incompatibles coas necesidades de ocio, tempo libre e atención que a familia precisa, raiando unha especie de semiescravitude moderna; e o cuarto, que para min é o primeiro, a falta de formación adecuada ao século XXI, falta de formación no mundo dixital, internet, técnicas innovadoras que permitan xestionar os nosos recursos de xeito adecuado ao século no que xa estamos", describíu Gerardo Seoane.

... E AS SOLUCIÓNS QUE PROPÓN O REXEDOR

Precisamente para atallar as consecuencias do últimos dos problemas descritos, no discurso inaugural do mandato, Gerardo Seoane lembrou unha das súas promesas electorais, a da creación dun centro de formación na Casa da Xuventude "nas novas tecnoloxías da innovación e a comunicación dirixidas, fundamentalmente, á xuventude, pero que tamén se ha de convertir nunha escola da segunda oportunidade para todos aqueles que non acertaron na escolla formativa a primeira vez e que agora terán esa segunda oportunidade máis preto da casa", explicou.

Nos catro vindeiros anos poremos en marcha máis de 40 proxectos de rexeneración urbana e novas industrias orientadas á primeira transformación dos nosos produtos, principalmente agropecuarios, como serán un centro de promoción do viño, unha planta de tratamento de produtos da horta, outra de comercialización e tratamento de carnes, e novas embotelladoras de auga

Pero tamén Gerardo Seoane fixo, no seu discurso de toma de posesión das responsabilidades de alcalde, outro anuncio destacado: "Nos catro vindeiros anos poremos en marcha máis de 40 proxectos de rexeneración urbana e novas industrias orientadas á primeira transformación dos nosos produtos, principalmente agropecuarios: un centro de promoción do viño, unha planta de tratamento de produtos da horta, a comercialización e tratamento de carnes, novas embotelladoras de auga ...", entre outros, para os que o rexedor reclamou no salón de plenos do Concello a colaboración dos empresarios do municipio. Seoane anunciou que contará, segundo as primeiras estimacións, con arredor de 12 millóns de euros, "algúns deles de recursos propios pero outros xa comprometidos polo Estado".

Pido a colaboración de todos, dos amigos e dos que non o son, de todos por igual, porque temos por diante unha tarea titánica máis de coñecemento e formación que de obxectivos materiais

gerardotomaposesión2Gerardo Seoane, este sábado, xurando como alcalde de Verín. | FOTO: CARLOS MONTERO

Rematou o xa refrendado alcalde extendendo a man ao resto de formacións políticas e colectivos sociais: "Esta proposta é un punto de vista, a nosa idea, que acaba de ser ratificada nas urnas, pero temos as portas abertas a calquera iniciativa razonable. Por último, pido a colaboración de todos, dos amigos e dos que non o son, de todos por igual, porque temos por diante unha tarea titánica máis de coñecemento e formación que de obxectivos materiais". Logo do aplausos, levantou a sesión arricando un sorriso dos presentes: "Sin máis, levántase a sesión e ata dentro de catro anos!".

Seoane anuncia 12 millóns de euros en catro anos "para combatir os problemas...