venres 06.12.2019
O IES Taboada Chivite aposta pola educación inclusiva e de igualdade

Durante toda a semana, 20 estudantes estranxeiros vivirán en Verín participando en distintas actividades do programa Erasmus+

Do luns 2 ata o sábado 7 de decembro, o IES Xesús Taboada Chivite é o anfitrión de 20 alumnas e alumnos de Finlandia, Oporto, Hungría e Italia, que arrincan a experiencia Erasmus+ en Verín. A semana estará cargada de actividades de todo tipo, baixo a temática dunha escola solidaria.

Os membros do proxecto Erasmus+ esta mañá no pavillón do IES Xesús Taboada Chivite. | FOTO: César Sánchez
Os membros do proxecto Erasmus+ esta mañá no pavillón do IES Xesús Taboada Chivite. | FOTO: César Sánchez

O Instituto de Educación Secundaria Xesús Taboada Chivite acolle durante esta semana, dende o luns e ata o sábado, a 20 mozas e mozos de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal que participan no proxecto Erasmus+. O instituto verinés foi seleccionado para participar neste programa europeo, entre 429 solicitudes presentadas no territorio español, pola súa aposta por unha escola inclusiva e de igualdade.

Dentro do proxecto, 20 estudantes do IES Taboada Chivite foron os escollidos, tras unhas probas de selección e seguindo uns criterios establecidos, para participar. Erasmus+ consiste en que os alumnos e alumnas seleccionados viaxen a centros educativos de Finlandia, Italia, Hungría e Portugal, 5 alumnos e 2 profesores a cada país. Os estudantes permanecerán entre 5 e 7 días no lugar de destino. Así, 20 alumnos e 8 profesores dos países colaboradores aterraron en Verín, a prol do programa Erasmus+. "O noso alumnado está moi implicado, con ilusión e con ganas de afrontar esta semana que representa todo un reto, posto que somos os primeiros anfitrións, coa responsabilidade que isto supón", asegura César Sánchez, o director do centro educativo.

WhatsApp Image 2019-12-03 at 17.14.09Segundos previos ao comezo da carreira solidaria con varios profesores á cabeza. | FOTO: César Sánchez.

O alumnado estranxeiro chegou ó instituto o luns, 2 de decembro. As familias que participan no proxecto, ofrecéronlle fogar a cada un dos estudantes na súa estadía en Verín.  Durante esta semana están a desenrolarse diversas actividades ao abeiro dunha escola solidaria, que é a temática do proxecto do IES Taboada Chivite. Hoxe foi o turno dunha carreira solidaria, na que participaron, alumnos e profesores baixo o lema "Kilómetros de solidaridade, xuntos polos dereitos da infancia". Tamén houbo un obradoiro de primeiros auxilios para as mozas e mozos, entre outras das actividades programadas para estes días, como a participación no FIC Vía XIV de Verín.

WhatsApp Image 2019-12-03 at 17.20.26Obradoiro de primeiros auxilios. | FOTO: César Sánchez.

Cabe salientar tamén que, dende a dirección do centro, resaltan a gran implicación de todo o profesorado, xa que o desenvolvemento de moitas das actividades non sería posible sen esa colaboración. E por suposto, César Sánchez agradece a implicación do Concello de Verín, de Cabreiroá -que proporcionou auga para a carreira solidaria- e de Horto Verín -que deu froita aos participantes da carreira para repor enerxías- nas actividades que se están a desenrolar.

Así, dende o luns, Verín converteuse no primeiro punto de encontro dos participantes deste proxecto Erasmus+, que se desenvolverá ao longo dos anos 2020 e 2021.

Durante toda a semana, 20 estudantes estranxeiros vivirán en Verín participando en...
comentarios