os alumnos do CPR María Inmaculada limparán un treito urbano dous días antes

Adega convoca a todos os verinenses a limpar o río este domingo

No barrio de A Noria, ao seu paso por Verín, será o Concello o que acometa os traballos xa anunciados de limpeza.

O vindeiro domingo, 29 de setembro, dende as 10,30 e ata as 13,00 horas, todos aqueles verinenses que así o desexen están convocados á limpeza das beiras do Támega ao seu paso polo municipio. A chamada, un ano máis, é responsabilidade de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia), colectivo que tamén fixo idéntica convocatoria noutras 47 localidades de comunidade galega. 

O Concello de Verín quixo sumarse tamén así a esta iniciativa e ten aberta a inscrición para formar parte dun grupo de limpeza, para a que só bastará con chamar ao teléfono 615.34.38.79.

Para poder participar, só será preciso acudir, logo de se inscribir, provistos de roupa e calzado cómodo, aínda que será recomendable achegarse con botas impermeables para evitar mollar os pes. Adega entregará a cada participante unha camisola conmemorativa desta XII edición das limpezas simultáneas no río, ademais de luvas e bolsas de plástico para o recollida de residuos. 

A iniciativa coincide tamén co anuncio do Concello de Verín de emprender accións de limpeza no leito do Támega ao seu paso pola vila, concretamente nas inmediacións do barrio da Noria.