A Consellería ditará esta tarde, para a súa entrada en vigor pola noite, una nova orde na que se poderían ampliar as limitacións

Sanidade revisará as restriccións para Verín este venres, cun 30 por cento máis de casos activos en sete días

Cartel dun bar da praza do Concello de Verín, no que anuncia o motivo do seu peche. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O pasado 25 de setembro eran 46 os casos activos no municipio de Verín. Hoxe son 59 e á alza. A Consellería de Sanidade revisará esta tarde as restriccións impostas ao concello, ben para mantelas ou, como aconteceu na capital, incrementalas. 

O Concello de Verín agarda a ter novas da Consellería de Sanidade esta tarde, para coñecer se dende o departamento autonómico manterán as restriccións impostas o pasado 18 de setembro e renovadas o venres 25 ou, pola contra, as amplían despois de coñecérense o incremento de número de casos na vila e a súa ascensión dende hai sete días

Os rexistros facilitados polo Sergas ao Concello de Verín cifran en 59, e á alza, o número de casos activos hoxe venres 2 de outubro, 13 máis dos 46 que a mesma institución municipal publicitaba o 25 de setembro. É dicir, ademais da evolución na comarca -os últimos surtos coñecéronse na Gudiña e A Mezquita-, en Verín os casos activos na derradeira semana subiron un 30 por cento. Sen ir máis lonxe, onte se coñecían alomenos tres positivos entre a plantilla da sucursal de Abanca na vila e un máis nun bar da praza do Concello, que pechaba as súas portas pouco despois de que se coñecese o positivo da súa titular.