Este domingo, día 17 de xaneiro, o concello acordou non celebrar o evento que ten lugar na parroquia de Ábedes

Non haberá tampouco San Antón e o Concello de Verín estuda suspender a feira do día 23

Romería de San Antón cancelada. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O obxectivo céntrase en evitar concentracións de persoas e seguir as medidas que a Xunta puxo en vigor tras as elevadas cifras neste comezo de ano

Como non podía ser doutro xeito, tampouco haberá festa do San Antón nos montes de Ábedes este domingo, unha das máis senlleiras do municipio e que congregaba a moitos verinense ao calor do lume. O rexedor verinense, Gerardo Seoane, confirmou ademais que o grupo de Goberno estuda a posibilidade de deixar en suspenso a celebración da última feira do mes de xaneiro -a do día 23- e seguintes, aínda que asegurou que "esa decisión non está tomada porque temos que ter en conta que os feirantes levan sufrindo a pandemia dende o primeiro momento e precisa, coma o resto ou máis, poder facer algo de caixa", sinalou.

Este 2021 as familias e amigos xa non poderán achegarse á capela de San Antón, nin tampouco desfrutar da gastronomía propia da festa como son o chourizo, a costela de porco, a empanada e o viño de Monterrei. Si se manterá a celebración eucarística na parroquia de Ábedes pero respectando as limitacións propia do nivel máximo de risco. 

A este festexo adoitan acudir persoas non só da comarca, senón tamén do norte de Portugal, principalmente. Sen embargo, tras a confirmación de 10.556 novos casos e 156 mortos nun só día en Portugal e con 1.169 novos casos nas últimas 24 horas en Galicia, non están as cousas como para andar de festa.