A resolución do nomeamento e adxudicación do destino definitivo dos novos pediatras publicouse o 2 de xaneiro do 2019

Os rexistros do SERGAS contradín a Feijóo: foron admitidos 121 aspirantes para as 9 prazas de pediatría convocadas na Oferta Pública de Emprego 2016

Web do Servicio Galego de Saúde: proceso selectivo de Facultativos da Área de Pediatría.

Das 9 prazas de Facultativo/a Especialista de área de Pediatría e as súas áreas específicas, tres tiveron o destino adxudicado na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, con sede no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O proceso selectivo tivo unha duración de 34 meses dende a súa convocatoria ata a toma de posesión.

Ante o clamor popular esixindo a reapertura das urxencias pediátricas e o paridoiro do Hospital de Verín que promoveu unha mobilización social na bisbarra sen precedentes ata o de agora, dende a Xunta de Galicia publicáronse moitas explicacións supostamente baseadas en datos.

A última das desculpas esgrimidas polo Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, para reafirmar o peche dos servicios no Hospital de Verín era a dificultade de encontrar pediatras. Un discurso xa modelado e que contradecía as propias declaracións da Consellería de Sanidade, a través de Félix Rubial -xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco-, nas que se afirmaba que a sala de partos se pechaba polo descenso da natalidade e pola suposta falta de pericia dos xinecólogos do Hospital de Verín.

Nembargantes, logo do acontecido no centro sanitario da vila co nacemento do último neno nun parto de urxencia, o propio Núñez Feijóo abría a posibilidade de reactivar o paridoiro e as urxencias pediátricas no hospital sempre que se cubriran as dúas prazas de pediatría convocadas o xoves, 12 de decembro, con carácter temporal e pola vía do concurso de méritos. Deixaba entrever Feijóo que a causa do peche do paridoiro era que non había aspirantes para cubrir prazas de pediatría.

Os datos públicos do SERGAS contradín a Feijóo. Na última Oferta Pública de Emprego do SERGAS realmente levada a cabo, a do 2016, existían 9 prazas de pediatría ás que se presentaron máis dun cento de aspirantes. Deles, según os datos do SERGAS, finalmente foron admitidos 121 que puideron optar ás fases de oposición e concurso para acadar unha das 9 prazas definitivas.

Publicación da lista de admitidos/as e excluídos/as para as prazas de Pediatría da OPE 2016 na WEB do SERGAS.

A OPE 2016 do SERGAS publicouse no Diario Oficial de Galicia o 7 de marzo do 2016, pero foi o 2 de xaneiro do 2019 cando se publicou a resolución definitiva da adxudicación de destino e do nomeamento. É dicir, o proceso para a cobertura das 9 prazas de Pediatría tivo unha duración de 34 meses. Logo do nomeamento definitivo, foron tres os facultativos destinados na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; iso si, con centro de destino no CHUO.

Ofertas Públicas de Emprego no SERGAS

As 9 prazas de Pediatría das que estamos a falar correspóndense á OPE do 2016. O SERGAS anuncia, dende entón, convocatorias de distintas prazas de facultativos sanitarios cada ano. No 2017 non se contemplou ningunha para a Área de Pediatría. No 2018 a OPE do SERGAS anunciaba 27 prazas para a Área de Pediatría. Neste 2019, o SERGAS inclúe na súa OPE un total de 6 prazas para pediatras.

WEB do Servicio Galego de Saúde onde se informa do proceso selectivo das prazas de Pediatría da OPE 2018.

Á longa duración dos procesos selectivos do SERGAS, 34 meses no correspondente ó 2016, únese o feito de que aínda non deu comezo nin o do 2018 nin o do 2019. Somentes está publicado o decreto da oferta, máis non se iniciou ningún trámite posterior, nin sequera a publicación do temario ou da resolución da convocatoria do proceso selectivo.

WEB do Servicio Galego de Saúde onde se informa do proceso selectivo das prazas de Pediatría da OPE 2019.

Os procedementos utilizados nas oposicións resultan complicados tal e como se veñen realizando ata o de agora. Non semella moi eficiente que un proceso de cobertura de prazas teña unha duración de 34 meses, case tres anos para facer efectiva a cobertura de persoal sanitario que, a priori, é necesario para o bo funcionamento da Sanidade Pública Galega.

Tamén é de subliñar o feito de non pór en marcha os procesos selectivos correspondentes ás OPE 2018 e 2019, que suporía a creación de prazas fixas de pediatras; é dicir, de postos de traballo estables e con condicións dignas. Pero si se sacan a concurso de méritos dúas prazas temporais para pediatras da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras o pasado xoves, día 12, no medio das protestas da veciñanza e da mobilización social que causou o peche do pariodoiro e das urxencias pediátricas do Hospital de Verín.