Máis de metade dos participantes son foráneos

A Revolta Irmandiña supera os 360 inscritos e esgota prazas en categorías populares | NOTICIAS VERÍN

Diego Lourenzo Moura, concelleiro de Deportes de Verín, na presentación da proba de obstáculos. | FOTO: Noelia Caseiro.

A proba de obstáculos A Revolta Irmandiña encara a súa recta final de inscricións consolidada como unha das citas con maior crecemento na comarca de Monterrei. A falta dun mes para a súa celebración, prevista para o vindeiro 14 de xuño entre Verín e Monterrei, a organización xa superou as 360 inscricións, igualando as cifras de participación de edicións anteriores e acadando o sold out nas categorías populares. Actualmente, mantéñense abertas as últimas prazas para as modalidades competitivas, incluíndo a nova categoría Starter, deseñada para que novos atletas se inicien no formato OCR cun sistema de "vidas" nos obstáculos.

A presentación oficial contou coa participación de Marcos Vázquez Guzmán, director da Área de Cultura e Deportes da Deputación de Ourense; Diego Lourenzo, concelleiro de Deportes de Verín; Manuel Pérez González, xefe de servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Ourense; José Luis Suárez Martínez, alcalde de Monterrei; e José Prado, en representación da organización. Durante o acto, destacouse que esta disciplina deportiva vive un auxe internacional tras a súa inclusión no programa olímpico de Los Ángeles 2028.

A integración da carreira na Liga Aurum Terrae e no Circuíto da Auga permitiu un salto de proxección notable, conectando a raia co norte de Portugal. Segundo os datos facilitados, máis da metade dos atletas proceden de fóra da comarca, reforzando a capacidade do evento para atraer visitantes de contornas urbanas cara ao rural. O concelleiro Diego Lourenzo sinalou a importancia de eventos que "dinamizan economicamente toda a comarca" e puxo en valor a colaboración entre administracións e o tecido asociativo.

O percorrido da proba atravesará espazos emblemáticos como a Atalaia de Monterrei, o Camiño Vello e as beiras do río Támega. Os participantes deberán superar retos como pozas de auga fría e barro, arrastre de pesos, muros e estruturas en suspensión. De forma paralela, o Parque da Preguiza centrará a actividade para o público cunha exhibición de tiro con arco, un mercadiño de artesanía con máis de dez postos e espazos infantís.

A vertente gastronómica tamén terá protagonismo co Pincho Irmandiño, que se celebrará do 11 ao 13 de xuño en locais de Verín e Monterrei. Ademais, o sábado 13 de xuño, o chef Martín Fernández ofrecerá unha experiencia culinaria na Bodega Gargalo. A xornada do domingo concluirá cun xantar popular na Preguiza con opcións para todos os públicos, incluíndo menús vexetarianos e veganos. As últimas inscricións para participar ou asistir ao xantar poden tramitarse a través da web oficial.