Uns viandantes axudaron ao cérvido a saír da auga, á que se lanzou para fuxir dos cánidos esfameados

Rescatada no río Támega unha cría de corza ferida que foi atacada por cans famélicos a carón da Pousa

A cría de corza, pouco despois de ser rescatada de morrer afogada nas augas do río Támega. | FOTO: Cedida.

Uns transeúntes rescataron este martes de morrer afogada no río Támega a unha cría de corza que fora atacada por uns cans abandonados, nas proximidades da aldea da Pousa (Concello de Monterrei). O cérvido foi entregado ao Seprona da Garda Civil. 

Segundo relataron a esta redación testemuñas presenciais, onte, cara as 9:30 horas, mentres camiñaban polo paseo da Pousa, superada a presa de Miñambres, presenciaron como uns cans salvaxes atacaban e ferían a unha cría de corza que, no intento de salvar a súa vida, optou por tirarse ao río Támega, onde case afoga ao non poder saír pola súa conta. 
Foron estas testemuñas as que conseguiron sacala da auga e deron parte ao Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (Seprona), para que se fixera cargo do animal. Precisamente aos axentes, os transeúntes, habituais no lugar, lles amosaron a súa preocupación "polos riscos que entraña a presenza deses cans salvaxes nun paseo tan frecuentado por veciños e visitantes". Segundo lles explicaron e así relatan a Diario do Támega, "o risco é máis que evidente, porque ademais de infeccións e dentelladas que poidan dar pola fame, poden acabar ocasionando accidentes de tráfico na estrada de Verín a Arcucelos", sinalan.

As propias testemuñas apuntan que os axentes "nos comentaron que están fartos de facer informes para que as autoridades competentes da recollida de animais abandonados, neste caso o concello de Monterrei ou a Deputación de Ourense, se encargasen de facelo. Este desleixamento das autoridades competentes é intolerable e máis cando pon en risco tanto á cidadanía como aos propios animais, polo que cremos que merece que se investigue o asunto", conclúen.