Seis novos positivos, catro deles de Verín, dende o pasado venres ás 15:00 horas

Repuntan, na fin de semana, os casos de coronavirus na comarca

Hospital Distrital de Chaves. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Na primeira fin de semana do mes de decembro, seis son os novos casos que se rexistraron no ámbito xeográfico do distrito sanitario de Verín. Só na vila, dende o venres, son 4 os positivos diagnosticados. Malia todo, nada comparables ao número de casos activos deste domingo en Chaves: 837

Aínda que os recentes datos convidaban ao optimismo, logo de que a comarca estivera días enteiros sen rexistrar ningún novo positivo, esta fin de semana veñen de incrementarse as cifras rexistradas tanto na vila coma nalgúns dos municipios das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras. Así, segundo vén de saber esta redación, dende o pasado venres ás 15:00 horas ata as 15:00 horas deste luns 7 de decembro, rexistráronse seis novos diagnósticos de coronavirus: catro na vila de Verín, un en Vilaza (Monterrei) e outro na localidade da Gudiña

A rexión do Alto Támega, por enriba dos 1.200 casos activos

Con todo, as cifras que rexistra a comarca de Monterrei son insignificantes se se comparan coas da veciña do Alto Támega lusa. Alí, e segundo informa Sinal TV, son 1.225 casos os que a día de onte permanecían activos, sendo Chaves o municipio que maior número de positivos rexistraba: 837, 149 en Valpaços, 109 en Vila Pouca de Aguiar, 23 en Ribeira de Pena, 30 en Boticas e 77 en Montalegre.