Venres. 29.03.2024
NP CONCELLO DE VERIN -  Presentación extruga Street
Dende a esquerda, Antonio Álvarez, Hugo Salgado, Diego Lourenzo e Iris Justo, na presentación do festival diante do Concello.

O festival da cultura urbana de Verín, o Extruga Street, volverá ás rúas da vila durante os vindeiros días 30 e 31 de agosto. O evento, que inclúe música, arte e deporte, foi presentado esta mesma mañá nas dependencias municipais polo tenente de alcalde, Diego Lourenzo, e polos seus organizadores, Hugo Salgado, Antonio Álvarez e Iris Justo

O obxectivo fundamental desta actividade pasa por divulgar as alternativas deportivas, artísticas e laborais propias da cultura urbana, á vez que se involucra aos veciños de Verín no que é o primeiro festival urbano da comarca. A organización do Extruga Street considera esta difusión "imprescindible" para restaurar unha visión positiva desta cultura, "tan chea de riqueza, como de prexuízos".

Durante o venres e o sábado, os asistentes ao Extruga Street poderán disfrutar de concertos como os que ofrecerán Sara Lugo, Dakidarría, J. Dose, Sondarrúa, Skandalo GZ, Kaixo ou R. Brothers. Tamén haberá tempo para obradoiros como os que achegará a asociación compostelá Vella escola, ou o artista Javi Ozono

Por último, complementan ao festival as exhibicións que se poderán presenciar no Skate Park de Verín coa Xuntanza de BMX e Scooters. Neste mismo lugar haberá, tamén, unha degustación de estrugas. 

O tenente de alcalde e concelleiro de Mocidade, Diego Lourenzo, destacou "a importancia deste tipo de iniciativas que non só convidan aos asistentes a ser espectadores, senón a participar e aprender. Ademais, convértense nunha plataforma para dar visibilidade ao talento local".

Quenda para a cultura urbana en Verín coa III edición do Extruga Street