O PSdeG-PSOE celebrará en setembro o seu Comité Provincial dentro da preparación das municipais | NOTICIAS OURENSE
A Comisión Executiva Provincial do PSdeG-PSOE de Ourense celebrou este luns a súa reunión ordinaria na sede provincial da cidade das Burgas, na que se abordaron diferentes asuntos relacionados coa organización interna do partido e coa preparación das vindeiras eleccións municipais.
Durante a reunión, o secretario xeral do PSdeG-PSOE de Ourense, Álvaro Vila Araújo, informou dos principais acordos adoptados nos últimos días polos órganos federais e nacionais do partido —a Comisión Executiva Federal (CEF), a Comisión Executiva Nacional Galega (CENG) e o Comité Nacional (CN)—, dando conta das liñas de traballo que marcarán os próximos meses.
No relativo ao proceso de elección das candidaturas municipais, a Executiva Provincial analizou a convocatoria e o calendario das primarias. Neste marco, deuse conta da proclamación de Natalia González Beneitez como candidata do partido á alcaldía de Ourense, unha vez rematado o prazo de presentación de precandidaturas sen que se rexistrase ningunha outra candidatura alternativa.
O calendario aprobado contempla dúas novas ventás para a celebración de procesos de primarias durante os meses de setembro e novembro naqueles concellos nos que exista máis dunha candidatura, sendo a dirección federal do partido a encargada de establecer os prazos concretos.
Outro dos acordos adoptados foi o nomeamento do Comité Preelectoral Provincial, un órgano que nace, segundo o partido, co obxectivo de "coordinar e impulsar o traballo organizativo de cara ás eleccións municipais, planificando o calendario de actuacións e preparando todos os aspectos relacionados coa cita electoral".
Por último, a Comisión Executiva Provincial acordou convocar un novo Comité Provincial para finais do mes de setembro, nunha data que se concretará nas próximas semanas. A reunión celebrarase na comarca de Valdeorras, dando continuidade á vontade da dirección provincial de achegar a actividade orgánica aos distintos territorios da provincia.
O secretario provincial, Álvaro Vila, subliñou que "damos un novo paso na preparación dun proxecto sólido, unido e pegado ao territorio para afrontar as eleccións municipais. O noso obxectivo é ofrecer á veciñanza unha alternativa progresista, seria e con capacidade de goberno en cada concello da provincia".
Vila destacou tamén que "o Partido Socialista está a facer os deberes con tempo, organizando o traballo e fortalecendo a nosa estrutura desde cada agrupación local", afirmando que, fronte a outras formacións "máis preocupadas polas súas leas internas ou por conservar o poder a calquera prezo", o PSdeG está "centrado nos problemas reais da cidadanía".
En relación á elección de Valdeorras para o vindeiro Comité Provincial, o secretario provincial asegurou que "queremos un partido presente en toda a provincia. Non entendemos a política desde un despacho na capital, senón escoitando á militancia e á cidadanía en cada comarca".