viernes. 19.04.2024
201125 PLENO EXTRAORDINARIO URXENTE (FILEminimizer)
Pleno extraordinario celebrado este mércores na Casa da Cultura de Verín. | FOTO: Carlos Montero.

Todos os asuntos do pleno extraordinario que se desenrolou esta mesma mañá na Casa da Cultura de Verín e que tiña, como puntos da orde do día, tres de mero trámite técnico foron aprobados por unanimidade dos presentes, os representantes das formacións do Goberno local -PSdeG e BNG-, logo de que os catro edís do Partido Popular, a instancias do seu voceiro, Juan Manuel Jiménez, decidisen levantarse antes de que se votara a xustificación da urxencia da convocatoria

Entenderon os populares alevosía no comportamento do equipo de Goberno ao convocar unha sesión plenaria ás 14:30 horas do día anterior, circunstancia que, segundo afirmou Jiménez Morán, lle impediu "revisar toda a documentación pertinente porque, ademais, a plataforma electrónica onde podía comprobarse entrou en fase de mantemento ás 22:25 horas deste martes, deixándonos sen tempo para poder revisala. É unha mostra máis da limitación ao dereito á información que temos os concelleiros desta formación (...) e é por iso que, logo da exposición dos nosos motivos, decidimos abandonar o pleno", explicaba ao resto da Corporación. 

Momento no que os edís do Partido Popular abandonan a sesión plenaria. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.Momento no que os populares abandonan a sesión plenaria deste mércores. | FOTO: Xosé Lois Colmenero. 

Os populares anunciaron tamén medidas legais pola que din "habitual obstrucción á labor de oposición deste grupo que exerce o Goberno deste Concello", rematou o voceiro popular. 

Tanto o rexedor Gerardo Seoane, como o seu tenente de alcalde, Diego Lourenzo, xustificaron en alocucións alternativas a urxencia desta convocatoria, "porque os prazos para cumprir con determinados organismos estaban a piques de vencer, como era o caso do compromiso que tiñamos coa Confederación Hidrográfica do Douro", afirmaron. 

Así, logo do abandono dos edís do Partido Popular -que polo simple feito de acudir e sentarse non máis de cinco minutos dende o inicio da sesión percibirán de xeito íntegro os emulomentos pactados para cada unha das sesións plenarias-, co voto favorable do resto da representación de PSdeG e BNG aprobouse a aportación municipal a un proxecto de remodelación dos colectores que desembocan na estación depuradora verinense -e a instalación dun pequeno equipo de depuración no matadoiro municipal para evitar parte dos seus vertidos á anterior-, a contratación dunha póliza de crédito de 2,6 millóns de euros -que servirá para a cancelación dunha xa existente e con vencimento no mes de decembro de 2,4 millóns e tamén para o adianto inicial dos fondos que máis tarde subvencionará o IDAE (Instituto para la Diversificación y el Ahorro Energético), e unha modificación das partidas orzamentarias para traspaso de saldos dalgunha delas que nin se consumiron nin chegará a facerse, a outras que teñen xa esgotado o crédito orzamentario

Os populares plantan á Corporación de Verín nun pleno de mero trámite