venres 10.07.2020
Algúns que non tiñan os papeis en regra protestaron e acabaron mantendo unha reunión co rexedor, Gerardo Seoane, no Concello

A Policía Local de Verín pasou lista e impediu que os feirantes sen licencia establecesen o seu posto de venda

Axentes da Policía Local de Verín pasaron lista no día de hoxe antes de que todos os postos da feira se instalasen. Aqueles que non dispuñan da documentación en regra non puideron establecerse. Este mércores volveron as ofertas na roupa e no calzado, aínda que non estaban todos os habituais que si teñen licencia, porque moitos decidiron non acudir. 

Foi moi difícil manter esta mañá nas rúas de Verín a distancia de seguridade entre as persoas. A Garda Civil velou porque todos levasen máscara. | FOTO: Noelia Caseiro.
Foi moi difícil manter esta mañá nas rúas de Verín a distancia de seguridade entre as persoas. A Garda Civil velou porque todos levasen máscara. | FOTO: Noelia Caseiro.

A de esta mañá de mércores 3 de xuño pasará á historia coma a primeira das feiras das de verdade da era "post COVID-19". Aínda que faltaban algúns dos habituais, os que se decidiron por montar postos tiñan que ter toda a súa documentación en regra e a pertinente licencia municipal para poder establecelo.
Medio cento de stands se colocaron nas rúas Alameda, Muralla, Da Veiga e praza García Barbón, todos cunha característica en común, estaren, os seus titulares, ao corrente das súas obrigas en materia de autorizacións e contar ca oportuna licencia municipal do Concello de Verín.

Dúas patrullas da Policía Local, cos nomes dos únicos que se podían montar, pasaron lista nas primeiras horas e impediron que algúns dos feirantes acabaran por establecerse ao non contar cos permisos en regra
Segundo confirmaron fontes municipais, en cada mercado víñanse colocando arredor de 200 postos de venda, dos que só 65 contaban esta mesma mañá con todas as autorizacións. "Como só estaba permitido un 30 por cento do aforo, únicamente 66 podían ser os autónomos que se instalasen", din dende o Concello, aínda que non se chegou a esa cantidade porque dos 65 permitidos, algúns optaron non viaxar ata Verín ata que o levantamento do estado de alarma permita mellores condicións para as vendas. 
Así, como confirmaron dende a Policía Local, 45 foron os postos establecidos hoxe dos 65 que poderían facelo por teren a documentación actualizada. Alomenos unha decena dos que tamén se achegaron non cumprían cos requisitos para poder establecerse e tiveron que recoller o pouco que levaban instalado no momento en que foron requeridos polos axentes da Policía Local. A dilixente actuación provocou algunhas queixas e ata o alcalde, Gerardo Seoane, se viu na obriga de recibir a unha pequena comisión representativa dos que non se estableceron. Seoane Fidalgo aseguroulles que aínda que "temos que respectar o límite do 30 por cento do aforo, nas vindeiras edicións da feira xa estaremos noutra fase que permitirá chegar ata o 50 por cento e todos aqueles que teñan regularizada a súa situación poderán acudir e establecerse sempre que non se superen as limitacións en cada caso".

Máis ambiente, distancias curtas e xeles escasos


Unha parella da Garda Civil patrullou, case toda a mañá, o mercado verinense esixíndolle a todas as persoas que apreciaban sen máscara que a colocase. Tamén os axentes de Policía Local advertían a aqueles cidadáns que non a levaban, conscientes de que estaba sendo imposible, nalgúns momentos, pola cantidade de xente e o estreitamento das rúas, chegar a manter o distanciamento social de dous metros requerido para transitar polas vías públicas. 

Este mércores 3 de xuño volveron os postos de calzado e roupa á feira de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.Xente que se achegou ata a feira, rebulindo nun posto de roupa. | FOTO: Noelia Caseiro.


Tamén era difícil de atopar postos de venda que tivesen xeles hidroalcohólicos a disposición dos clientes, aínda que algúns dos feirantes si ofrecían esa posibilidade aos que se achegaban aos seus postos. Foi sinxelo comprobar como se rebulían pezas de roupa sen que tomasen as mínimas medidas preventivas de utilización de desinfectante ou, no seu defecto, utilización de luvas. 

A Policía Local de Verín pasou lista e impediu que os feirantes sen licencia...
comentarios