Cada madrugada desprázanse ata a lonxa de Vigo para garantir o produto máis fresco

As Pescadeiras, o servizo de venda ambulante de peixe máis querido da comarca, abren a súa peixería en Verín

Caricatura das Pescadeiras, Tania e María Alegría.

Verín suma un novo espazo de produto fresco e calidade coa apertura de As Pescadeiras, a peixería que María Alegría e a súa socia Tania instalan en pleno centro da vila, na rúa Lisa número 3. Detrás do nome hai moito máis que un comercio: hai máis de 25 anos de historia, de madrugadas na lonxa e de relación de confianza con centos de familias da comarca.

O negocio ten as súas raíces nos pais de María Alegría, que durante décadas levaron o peixe fresco a domicilio por aldeas e parroquias de toda a comarca, facendo chegar o produto do mar aos lugares máis recónditos do rural. María Alegría herdou ese traballo e esa forma de entender o oficio: servizo, proximidade e produto de calidade. Agora, xunto a Tania, e empuxadas pola demanda e o apoio da súa clientela habitual, dan o paso natural de contar cun espazo físico propio.

Cartel de inauguración das Pescadeiras.

A aposta pola frescura é radical: cada madrugada, As Pescadeiras desprázanse ata a lonxa de Vigo para traer o mellor produto do día. Peixe fresco todos os días, sen excepcións.

sábado 13 de xuño, de 10:00 a 12:00 horas, celebrarase a inauguración oficial das instalacións, un acto pensado para que a clientela coñeza o novo espazo nun ambiente festivo. A apertura comercial propiamente dita comezará o martes 16 de xuño, e os primeiros clientes que se acheguen ese día recibirán un agasallo por parte das anfitrioas. O horario habitual será de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas.

As Pescadeiras abren con produto fresco da lonxa de Vigo, de martes a venres a partir do 16 de xuño.

Moi importante: o servizo ambulante polas aldeas e parroquias da comarca manterase con normalidade. As Pescadeiras teñen moi claro que non queren abandonar á xente do rural que leva décadas confiando nelas, e seguirán chegando ata onde sempre chegaron.

📍 Calle Lisa nº 3, Verín 🕙 Martes a venres · 10:00 a 14:00 h 🐟 Peixe fresco todos os días · Produto da lonxa de Vigo