venres 17/09/21
Xesús Lantes comeza, nesta achega, co repaso aos topónimos da contorna

ONOMÁSTICA | Estudo toponímico das parroquias de Verín (I)

Vista aérea del balneario de Cabreiroá.
Vista aérea del balneario de Cabreiroá.

Empezamos hoxe co estudo toponímico das parroquias de Verín.

Cabreiroá: topónimo latino derivado da palabra latina capra + -aria + -ola. Caprariola > Cabreiroá. O resultado esperado no sur de Galicia sería *Cabreiró, pero a lingua reactivou o -a final mediante o recurso prosódico da acentuación.

“(...), leyxo aa iglesia de Cabreiroaá hun puçal de viño e hun qurteiro de çenteo”. (Ferro, 53)

“Iren, leyxo a Fernán Martís, prelado de Cabreyroaa, dous pouçaes de uiño nas cubas...”. (Ferro, 53)

Feces de Cima ou de Abaixo: A denominación destes dous topónimos está vencellada ao río Pequeno ou de Feces. Parece que deriva do latín Fex, Fecis >fecem > fece > fez (feces, pouso, borra, etc.).  

Conosçida cousa sseia como eu Garcia Ffernandes, clerigo de Mandim, dou e outorgo ao mosteyro de santa Maria de Monte de Ramo para o conbento que o aya para ssenpre todo quanto erdamento eu ey en Fezes de jussaos e en seus terminos... (Monterrei, 59).  Polo que se observa neste documento a denominación de Feces de Abaixo foi primitivamente Fezes de Jusaos. Juso > *iusanos, á súa vez derivado de deorsum. A oposición sursum (suso, susana, Vilasuso) arriba e deorsum, iusum (xusá, xusaos) abaixo. Latín clásico sursum, latín vulgar susum = arriba; latín clásico deorsum, latín vulgar iusum = abaixo. Estes adverbios deviñeron en adxectivos que deixaron moitos referentes na toponimia: Neira de Xusá, Vilasuso, Susana...

Mandín: do antropónimo latino Mandinus, *villa Mandini.

Mourazos: Probablemente do antropónimo Mauratius, á sua vez derivado de Maurus.

Algo que ver cos “mouros” da nosa etnografía?

... todos que nos abemos de la Batoqua de Mouraços atee o termino de Portugal... (Monterrei, 59).

Villas prenominatas id sunt: In valle Baroncelli, Ervededo, Calvellos, Villarelio, Ravanales, Tamaganellos, Maurazos. (Celanova, 457)

Pazos: resultado da palabra latina palatium en plural: palatios. As palabras comúns que deviñeron en nomes propios tenden a levar artigo. Aquí estamos ante o feito de que se se usa en singular temos xeralmente O Pazo, pero en plural Pazos non soe levar artigo. Este topónimo está vinculado a casas fidalgas, que existiron ou aínda existen nestes lugares. A nivel dialectal é interesante polo seseo (Pasos) e pola conservación do iode (Pacios) en distintas zonas de Galicia.

Item, Fernan d`Almansa respondeo aa dita carta et diso que el fora et estaua presente quando fora Men do Ribeiro et Perna Falsa et que vira peegar et demarcar estes ditos terminos de Paaços, et... (Ferro,76).

En este dia 4 desenbro, o dito bachiller Frey Lopo, en Paços, aforou a Tereija Fernandes, moradora en Paços, e oyto voses pus ela çinco casas en Birin,... (Ferro, 75).

Queizás: Antropónimo xermánico derivado do tema PG *Gawjia (país, comarca). Desta forma deriva, entre outros moitos, o topónimo Queizás. Supoñemos a seguinte deriva: Gawjia > *Goviza/*Cajiza. Suponse que dun locativo *Cajizani/Cajizanes>Kaizán / *Kaizaes >*Keizás >Queizás.

... et do marco do Ladayro que ya o dito termino aos marcos de Quiçaas, et delo diso que non sabia mais.(Ferro, 76).

ONOMÁSTICA | Estudo toponímico das parroquias de Verín (I)
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade