martes 27/07/21
Xesús Lantes inicia a súa colaboración no Diario

ONOMÁSTICA | Seoane, Fidalgo e Verín

O alcalde e candidato independente polo PSdeG, Gerardo Seoane
Gerardo Seoane Fidalgo, alcalde do Concello de Verín. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Iniciamos hoxe a publicación de comentarios sobre a onomástica de Monterrei (apelidos, nomes, topónimos) dos habitantes e lugares desta comarca que periodicamente van aparecer neste xornal dixital. O obxectivo é incentivar os lectores/as a reflexionar sobre o noso mundo (a nosa identidade cultural).

Queremos empezar esta andaina comentando os apelidos: Seoane e Fidalgo e o topónimo Verín.

Seoane: (ecclesia) santi Ioahani villa Iohani. O antropónimo bíblico latinizado como Iohannes (deus misericordioso) vén, a través do grego (Ioanes) do hebreo (Iohanan), composto de (Iol ou Ial) Iaveh /deus/) e hanen (misericordia). (Cabeza Quiles, 2020), Ferrín, 2007). É un apelido e topónimo de carácter patronímico.

Ademais do apelido Seoane deixou estoutros: Anes, Ianes, Eanes, Ennes, Enes, Oanes (fillos de Xoán), (Yáñez / Ibáñez son unha castelanización destes apelidos).

En toponimia existen tamén moitos derivados deste étimo: Seoane (Xoane), Savane, Seivane, Soane, Saiáns.  Estes topónimos galegos percorren o territorio desde o Caurel ata Fisterra, no en tanto son descoñecidos en Portugal.

No concello de Verín rexístranse 79 apelidos Seoane e o total en Galicia suma 12.742.

Fidalgo: apelido derivado dun alcume /alcuño gabancioso (fillo de algo) (filiu de aliquod) (fillo d´algo). Este é unha forma claramente galega e bastante usada noutros períodos históricos da lingua. A orixe quizais sexa toponímica. Aínda que hai topónimos que derivan do nome posuidor e hai apelidos que derivan do topónimo. É unha cuestión histórica fixar cal se usou con anterioridade: o apelido ou o topónimo.

 En Verín encontramos 83 apelidos Fidalgo e en Galicia 3.311.

Xa que logo, os dous apelidos do alcalde de Verín son claramente galegos e sen problemas ortográficos de ningún tipo.

Verín: villa Verinii. Antropónimo derivado do nome posuidor (Verinius), por tanto vila de Verín. Aquí o proceso histórico é: de nome de persoa a topónimo.

Diacronicamente encontramos a constatación en documentos históricos de moi diversa procedencia: (Iten, a santa Oalla de Verín, des moravediís pera cobrir a yglesia. Et a Santa María de Berín, hun quarteiro de çenteo pera cobrir a yglesia). (Ferro, 53)

Sorprende a grafía v/b, pero é o resultado da neutralización destes fonemas. A constatación de que se pronunciaban igual, de aí as frecuentes alternancias na escrita, pois na lingua oral tiñan a mesma realización. Alén desta anécdota ortográfica, vemos que o topónimo Verín permaneceu formalmente invariable ao longo da historia.

ONOMÁSTICA | Seoane, Fidalgo e Verín
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade