O xerente do Sergas inicia a súa rolda de visitas aos hospitais comarcais | NOTICIAS OURENSE
O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Luis León, visitou este xoves o Hospital Público Comarcal de Monforte de Lemos, no marco da rolda de contactos que a Consellería de Sanidade está a desenvolver para analizar sobre o terreo a situación dos centros sanitarios galegos e planificar as súas necesidades asistenciais a curto e medio prazo.
Durante a visita, León mantivo unha reunión de traballo coa directora do centro, Inmaculata Ramos, co xerente da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, Ramón Ares, e outros membros do equipo directivo. No encontro abordáronse de xeito detallado as principais necesidades do hospital, tanto no ámbito organizativo como no estrutural e tecnolóxico.
Tras a reunión, o xerente recorreu distintos servizos centrais do hospital, con especial atención ao recentemente remodelado Servizo de Farmacia, onde puido comprobar as melloras introducidas na xestión e dispensa de medicamentos, así como as novas capacidades organizativas da área.
León visitou tamén a zona de exploracións endoscópicas, un dos servizos clave na actividade diagnóstica do centro, onde se están a consolidar melloras orientadas a incrementar a capacidade asistencial e reducir tempos de espera.