sábado 27/02/21
Logo de tentar chegar a varios acordos, o grupo de Goberno decide así denunciar o convenio que asinara Jiménez no 2001

O Concello de Verín desaloxará aos funcionarios da Xunta da oficina comarcal de Extensión Agraria

O grupo de Goberno local levará este xoves á debate en sesión plenaria o desaloxo dos funcionarios da Xunta de Galicia que dende hai 20 anos ocupan parte da planta primeira da praza de abastos da vila. Situarase alí o Museo Comarcal de Monterrei, logo de non chegar a un acordo coa orde mercedaria. 

Entrada ás oficinas de Extensión Agraria, na vella praza de abastos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Entrada ás oficinas de Extensión Agraria, na vella praza de abastos. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Este xoves debatirase -e aprobarase ao teren a maioría absoluta as dúas formacións do Executivo municipal- a denuncia do convenio de cooperación coa Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural que asinaria no seu día Juan Manuel Jiménez Morán sendo alcalde de Verín e polo que acabouse establecendo alí a oficina de extensión agraria da comarca, dependente do primeiro dos organismos. 

Ese convenio tiña por obxecto a execución, por parte da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, das obras de acondicionamento do edificio da praza da abastos de Verín, de titularidade municipal, para o seu destino a oficinas de uso compartido entre o Concello e a Xunta de Galicia. O departamento autonómico investiu, daquela, 358.895,77 euros na reforma integral do primeiro andar da instalación, para ocupar, un tercio dos metros habilitados como oficinas. 

Logo de numerosas conversas informais mantidas coa Administración autonómica dende o Concello de Verín -coa chegada ao Goberno do bipartito-, e das propostas colocadas enriba da mesa da Consellería, o Executivo local vese na obriga de denunciar este convenio para conseguir o desaloxo dos funcionarios da Oficina de Extensión Agraria comarcal e adicar o espazo que quede libre ás novas instalacións de Museo de Monterrei, que será trasladado da súa actual ubicación -o claustro Mercedario-

Ese movemento vese tamén motivado pola invitación que a orde Mercedaria cursou ao Concello de Verín de, na medida das súas posibilidades, procurase o desaloxo da súa propiedade, aínda que inicialmente existía un preacordo para que o Museo Comarcal se convertise en permanente alí, a cambio de que a institución municipal realizase algunhas obras de melloras no convento mercedario. 

Un convenio cuestionado polo Consello de Contas

Ademais da necesidade de recuperar a habitabilidade dun edificio municipal, a denuncia do convenio coa consellería agora de Medio Rural asinado no seu día por Juan Manuel Jiménez Morán sendo alcalde, ten tamén o aval do Consello de Contas que, nun informe emitido no seu día de fiscalización dos exercicios 2001 e 2002 do Concello de Verín, cuestiona abertamente o procedemento polo que se asinou ese acordo e as condicións do mesmo. Así, entre outras consideracións, afirma o Consello de Contas que "non se verificou a sinatura dun convenio regulador do uso conxunto das oficinas, tendo en conta en todo caso as reglas de distribución dos locais que se incorporan (...) e tampouco existe constancia documental nin contable da entrega da obra", recolle o informe de xeito literal. 

Informe do Consello de Contas.O Consello de Contas no seu informe de fiscalización non deixa lugar a dúbidas das irregularidades cometidas polo goberno Jiménez. | FOTO: DdT.

O mesmo documento sinala que "no expediente fiscalizado figura un requerimento da Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda, tendente á cesión de parte do ben inmoble polo Concello de Verín (...). Non se verificou contestación algunha dese escrito do departamento autonómico, sin que conste o inicio das actuacións tendentes ao axuste á legalidade da cesión operada". É dicir, que logo de que a Consellería de Política Agroalimentaria rematase as obras, o Concello de Verín, presidido por aquel entón por Juan Manuel Jiménez Morán, tiña que ter iniciado o procedemento de cesión do resultado da reforma ao inmobilizado da Xunta de Galicia para que esta acabase sendo a lexítima titular de parte do primeiro andar da praza de abastos, circunstancia que agora tería evitado que o Goberno PSdeG-BNG local procedese á denuncia dese convenio e posterior desaloxo dos funcionarios autonómicos. 

A Xunta, coñecedora da irregularidade, negocia un novo inmoble no polígono

O Goberno autonómico, coñecedor tamén do informe do Consello de Contas e da situación irregular na que se atopaba na praza da abastos da vila, negocia xa a adquisición dun inmoble no polígono de Pazos - propiedade dun antiguo almacén de coloniales- para concentrar alí, ademais dos funcionarios da Oficina de Extensión Agraria comarcal, ao todos os integrantes do Distrito Forestal que arestora aínda se ubican na rúa Rosalía de Castro. 

O Concello de Verín desaloxará aos funcionarios da Xunta da oficina comarcal de...
comentarios