martes 24/11/20
Feijóo anuncia un peche do sector en grande parte de Galicia, cando na vila levaban catro días abertos

Novo pau á hostalaría de Verín, que vén de pechar tres semanas voluntariamente

Este luns algúns propietarios de bares e cafeterías anunciaban a súa reapertura coa sospeita de que non tardarían en volver a pechalos. Non erraban. Catro días despois de comezar a traballar a ralentí, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anuncia un peche do sector en Verín, que xa viña doutro voluntario tres semanas atrás

A rúa Montemaior -na imaxe- volverá a estar sen terrazas, polo menos, un mes máis. | FOTO: Noelia Caseiro.
A rúa Montemaior -na imaxe- volverá a estar sen terrazas, polo menos, un mes máis. | FOTO: Noelia Caseiro.

O anuncio de peche do sector da hostalaría para o 60 por cento da poboación galega vén de caír coma unha xerra de auga fría entre os profesionais verinenses que comezaban, de xeito moi prudente e limitado, a recuperar as súas vendas nas terrazas dos locais que tiñan dispoñibilidade para colocalas. 

O pasado 12 de outubro, ao aire libre e na praza da Alameda da vila, Gerardo Seoane, o alcalde, en representación do bipartito local, certificaba un acordo coa meirande parte dos donos dos establecementos para un peche voluntario que acabou por convertirse en total. Anunciaba ese mesmo día axudas -que logo acabarían aprobándose e que xa se están a cobrar non ca celeridade que algúns contaban- para todos aqueles que se acollesen á medida, inicialmente prevista ata o día 23, aínda que máis tarde acabou alongándose ata o 31 de outubro. 

O día 1 de novembro, malia que moitos dos que tiñan autorizadas as terrazas só tiñan permiso para instalalas ata o último día do pasado mes, comezou a recuperarse a actividade coincidindo cunha lixeira bonanza climatolóxica.

Este mediodía, o mesmo presidente que anticipou a saída do estado de alarma dos galegos e animou ao turismo a visitar Galicia nas primeiras semanas posteriores ao desconfinamento da vaga inicial, considera agora, de xeito indirecto, que son os establecementos da hostalaría os grandes responsables da propagación do virus nesta segunda onda: el mesmo o acreditou na comparecencia de prensa de hoxe cos resultados da comarca do Carballiño, onde se impuxeron restricións moi severas, coma as do peche de bares e cafeterías. 

"Toca ampliar as restricións pola saúde e pola economía", afirmou Feijóo, quen defendeu que "canto máis se tarde en actuar máis longa será a contención". Segundo puntualizou, as novas limitacións entrarán en vigor este venres ás 15:00 horas e terán vixencia dun mes, pero avaliaranse "constantemente".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa.. XUNTA O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, en rolda de prensa, este mediodía. | FOTO: Europa Press.

Pola súa banda, o presidente da Xunta apelou á "axuda" de "todos" os cidadáns para "salvar a campaña de Nadal" e poder reabrir en decembro tras decretar o peche da hostalaría desde este venres, 6 de novembro, sector para o que avanzou que se aprobarán axudas este xoves no Consello.

Eludir o confinamento coma obxectivo

O presidente da Xunta defendeu que, aínda que non se pode refugar ningunha medida, as novas restricións que se aplican en Galicia adóptanse, entre outras cuestións, para "tentar evitar" o confinamento domiciliario. Tamén para baixar a presión asistencial en centros sanitarios, de discapacitados e residencias de maiores, e para tratar de "salvar" a campaña de Nadal.

Novo pau á hostalaría de Verín, que vén de pechar tres semanas voluntariamente
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade