Xoves. 28.03.2024
arredor de dous milleiros de persoas agardan por unha nova cita, logo de seren suspendidas as xa programadas

O hospital comarcal de Verín comeza o mes de setembro sen dermatólogo

O traslado a Vigo da dermatóloga que substituía ao profesional titular da praza, de comisión de servizos en Ourense, vén de deixar sen cubrir unha especialidade pola que agardan ser atendidos arredor de dous milleiros de persoas. Algúns dos pacientes, que tiñan tratamento ata a nova consulta, descoñecen, polo momento, se deben seguir con el. 
WhatsApp Image 2019-09-03 at 13.43.58 (1)
Unha das últimas protestas que parte do persoal do hospital protagonizou diante das súas portas demandando unha sanidade de calidade.

O mes de setembro acaba de comezar, no hospital de Verín, cunha nova preocupación engadida no que a continuidade dos servizos médicos que presta atinxe. Onte, luns día 2, todos aqueles pacientes que estaban citados para hoxe martes na consulta de dermatoloxía foron advertidos, telefónicamente, de que non pasasen pola consulta porque non dispuña o hospital do profesional. Os que tiñan a cita para o luns, nen tan siquera foron avisados de que o centro hospitalario comarcal quedaba sen dermatólogo ata novo aviso. 

Segundo manifesta a voceira do sindicato nacionalista Cig-Saúde, Rosa Eva Fernández, "era algo que xa se coñecía dende o mes de xuño, porque a profesional que estaba substituíndo ao dermatólogo que ten praza acababa de aprobar a súa interinidade en Vigo. O que ocorre é que o dermatólogo titular deste hospital está nunha comisión de servizos en Ourense, é dicir, para que a xente nos entenda, ten a praza en Verín pero está reclamado en Ourense porque alí tamén están escasos destes profesionais", sinala. 

TRATAMENTOS QUE OS ENFERMOS NON SABEN SE CONTINUAR

Cig-Saúde cifra, en arredor de 2.000 persoas, as que verán suspendida a atención médica ata que non haxa unha solución a esta baixa, solución "que dende o noso sindicato cremos, e para iso loitaremos, de que non debe pasar porque esa xente se traslade ata Ourense para ser consultada". Das cifras que manexan dende Cig-Saúde, arredor de 1.700 son as persoas que agardan por unha consulta, xa sexan primeira ou sucesivas. "Logo, haberá en torno a unhas 300 que están agardando por una cirurxía ambulatoria menor", sinala Rosa Eva Fernández.

Meu pai tiña un tratamento pautado ata a nova consulta, que agora mesmo non sabemos se debe continuar ou non. Nun principio non nos dixeron nada, pero xa nos anticiparon que seguramente nos consultarían en Ourense; tamén nos dixeron que tardarían en chamar

O acontecido onte foi incluso corroborado por pacientes da consulta de dermatoloxía que recibiron a chamada do hospital para anular as citas fixadas para hoxe martes día 3, sen ofrecer unha solución inmediata: "A nós -di unha filla dun usuario do Servizo Galego de Saúde, chamáronnos á media tarde de onte para anularnos a cita de hoxe. Meu pai tiña un tratamento pautado ata a nova consulta de hoxe, que agora mesmo non sabemos se debe continuar ou non. Nun principio non nos dixeron nada, pero xa nos anticiparon que seguramente nos consultarían en Ourense; tamén nos dixeron que tardarían en chamar", asegura L. F. 

O hospital comarcal de Verín comeza o mes de setembro sen dermatólogo