jueves. 25.04.2024

O PSdeG- PSOE de Viana do Bolo vén de esixir ao equipo de goberno que faga unha reclamación de xeito oficial ante Telefónica para lograr unha mellora da conexión de internet en todo o municipio. "A veciñanza estivo tres días sen conexión e queremos que se tomen as medidas necesarias. Teléfonica ten que poñerlle solución ás incidencias", reclaman. "O Concello debe estar ao carón dos veciños, tomar cartas no asunto e realizar unha reclamación oficial", engaden.

Estes problemas de conexión, segundo aseguran, veñen repetíndose dende a instalación da fibra óptica. Propoñen como solución unha devolución do recibo nos días que o servizo non estivo operativo e outras melloras técnicas para que non volva acontecer nun futuro. Ante as numerosas chamadas da veciñanza, "a compañía afirmou ter unha avaría que xa están arranxando", contan dende a oposición, desvinculando o sucedido dos lumes acaecidos recentemente na Ribeira Sacra.

Pola súa banda, o goberno do municipio, que lidera Abelardo Carballo, afirma xa ter iniciadas unha serie de actuacións para darlle solución ao problema. "Levamos tres días contactando con todos os organismos para saber que solución tomar. O Concello estará á fronte de calquera plataforma que busque solucións e loitarase por unha compensación", recalca o rexedor, engadindo que é un problema que afecta a todos. "É moi fácil poñerlle deberes aos demais. A oposición tamén está para unir forzas con nós e buscar propostas. Non somos os culpables disto e tampouco temos a solución", engade.

Tamén quixo chamar a que todos os veciños afectados acudan ao consistorio onde se lles dará soporte conxunto. "Serán ben recibidos e faremos unha reclamación conxunta. Non sei por que estivo motivada esta avaría, pero estiveron dous días e dúas noites instalando un tendido novo, polo que a incidencia tivo que ser grave", conclúe.

Despois de 72 horas, o servizo foi restablecido e dende a tarde de onte xa se pode usar con normalidade. Non obstante, dende a oposición consideran imprescindible este servizo en pleno auxe do teletraballo e pola supervivencia dos negocios, polo que reivindican a necesidade de follas de reclamacións a disposición de todos os veciños que queiran protestar.

NOTICIAS VIANA | O PSdeG de Viana esixe ao equipo de goberno que tome medidas para unha...