O venres 21 e sábado 22

NOTICIAS VERÍN | As Xornadas de Novela Negra regresan á vila no mes de xaneiro

Regresan as Xornadas de Novela Negra da Biblioteca de Verín.

Tralo éxito das Xornadas de Novela Histórica no mes de outubro e a mellora das condicións sanitarias, a Biblioteca Municipal de Verín retoma en xaneiro as que serán as IV Xornadas de Novela Negra. Baixo o título “Personaxes de novela”,  nesta nova edición combinarase o mundo de ficción novelesca coa realidade a través das experiencias de personaxes reais que, a súa vez, teñen un importante papel nas novelas deste xénero literario.

Terán lugar o venres 21 e sábado 22 de xaneiro de 2022 e serán coordinadas, dirixidas e presentadas polo xuíz e escritor Xosé Antón Vázquez Taín. Contarán coa participación de profesionais da talla de Enrique León Calviño, ex comisario de Vilagarcía; Victor Souto, comandante da Garda Civil - xefe da sección de Homicidios, Secuestros e Extorsións (UCO)-; María Berta Rodríguez, médico forense e subdirectora territorial da Coruña do Instituto Médico Legal de Galicia; e dos escritores Arantza Portabales e Alejandro Corral.

Para rematar, terá lugar unha mesa redonda dirixida por Rafael Cid, director do Centro Territorial de RTVE en Galicia, na que participarán todos os relatores das xornadas.