Celebrarase entre os vindeiros 4 e 12 de setembro

NOTICIAS VERÍN | Moita presenza internacional no VI FIC Vía XIV, con obras de 12 países

Os participantes na presentación do FIC Vía XIV esta mañá no Auditorio Municipal de Verín.

Todo listo! A algo máis dunha semana da estrea, a VI edición do Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV, foi presentada esta mañá. Serán máis dunha trintena de curtametraxes, pertencentes a 12 nacionalidades distintas e con moita presenza local, as que se proxectarán este ano no seo do festival. En concurso oficial participarán 27, todas encadradas nas catro categorías habituais do certame: Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova. Tódalas demais, fóra de competición, estarán acompañadas por unha selección de filmes do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco, convidado nesta edición.

O evento foi conducido polo director do FIC, Carlos Montero, acompañado por varios membros do Goberno local e representantes da Deputación de Ourense e da asociación Agadic. Todos os asistentes ao evento quixeron resaltar a gran labor cultural deste festival no contexto tan complicado que estamos a vivir. "Alégrame ver aquí este esforzo por celebrar, aínda que dun xeito diferente, estas citas audiovisuais que no resto de España non se está a facer", engadía Jacobo Sutil, director de Agadic.

Pola súa banda, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, asegurou que “se debe e se pode seguir axudando aos profesionais nestes momentos difíciles”. Emilia Somoza, concelleira de cultura, recordou que este festival "foi quen de converterse nunha porta pola que o mundo foi entrando na vila, polo que seguirá medrando, porque consolidado xa está". Anunciou, ademais, unha actuación de 'Verto Temazos' para o vindeiro día 7, que estaba axendada para a celebración da Feira do Viño e que finalmente foi cancelada.

Moita presenza local

O documental Tierra de leche y miel chega da man do verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora para inaugurar o festival, un traballo que gañou a sección DOC na 65 edición do festival Seminci de Valladolid e cuxo equipo directivo está moi ligado ao Festival Internacional de Curtas de Verín, que co seu patrocinio fixo posible a finalización deste documental.

O FIC  acollerá tamén unha presentación da webserie ourensá Os tempos mortos do fuhrer e a estrea do documental Capuchóns, realizado polo verinés Iñigo Rolán Taboada como traballo de fin de grao. A musicalización de cinema mudo en directo, a cargo do Casperverk Trío e a presentación do libro Son para audiovisuais, do tamén verinés Rafael Godás, protagonizarán tamén cadansúa actividade paralela no marco da vindeira edición do FIC.

Novidades

Por primeira vez o FIC emitirase online a través de Festhome, unha plataforma onde poden estar conectadas ata 400 persoas ao mesmo tempo. Entre as sorpresas desta edición, a proxección de Fantasía, unha película de Disney, para todo tipo de público; ou a impartición dun novidoso curso de guión audiovisual a cargo de Ángel Manzano, vicepresidente da Asociación Galega de Guionistas.

Nesta edición do Festival Internacional de Curtas de Verín renderase, ademais, homenaxe a unha figura sobranceira do audiovisual ourensán como é o actor e comunicador Sergio Pazos.