Venres. 29.03.2024
Cata na Feira do Viño 2021. | FOTO: M. D.
Cata na Feira do Viño 2021. | FOTO: M. D.

Rematou a fin de semana de celebración das actividades conmemorativas da Feira do Viño 2021, organizadas pola Denominación de Orixe Monterrei. Dende o Consello Regulador, que preside Lara Da Silva, califícanas de "cheo absoluto", con ocupacións que rondaron o 100%.

Ao longo de todas as xornadas, que comezaron o día 11 e se alongaron ata onte, día 15, actividades como formacións en viticultura ou catas en grupos reducidos conseguiron cubrir todas as prazas dispoñibles inicialmente, chegando incluso a contar con lista de espera. "Cumpríronse todas as expectativas, estamos moi satisfeitos porque se trataba de accións para o público final, o consumidor. Durante todas elas comprobamos a súa proactividade facendo preguntas sobre a orixe", recoñece Da Silva. "De feito, esta mañá recibimos chamadas por parte dos participantes para adquirir os produtos da D. O.", engade.

Ás actividades acudiu non só público da comarca senón de moitas outras partes de Galicia e do país, como a Comunidade Valenciana, o País Vasco, Castela e León ou Cataluña. "Para nós é moi satisfactorio que desfruten consumindo viños de Monterrei", destaca a presidenta.

Ademais de actos presenciais, a Denominación de Orixe puxo en marcha un sorteo virtual a través das súas redes sociais co cancelo #BrindoconDOMonterrei, que mañá martes será resolto. Os gañadores faranse con exclusivos estoxos de viño de Monterrei así que, moi atentos os participantes ás redes sociais Facebook e Instagram, pois será polas que coñezamos o nome dos vencedores. 

A pesar do éxito, a presidenta Da Silva lamenta ter suspendido a Feira por segundo ano consecutivo aínda que afirma "non quedamos con mal sabor de poca porque estivemos ao lado dos nosos consumidores, que valoraron a zona non só como destino de interior senón como alternativa lúdica", conclúe.

NOTICIAS VERÍN | Boa nota da D. O. Monterrei ás actividades alternativas pola Feira do...