mércores 16/06/21
Os usuarios da Fundación de discapacitados psíquicos percorrerán así 180 km da Vía da Prata

NOTICIAS VERÍN | Un peculiar Camiño de Santiago en bicicleta... estática

PHOTO-2021-05-20-16-55-30
Os usuarios do centro ocupacional, vestidos de peregrinos, preparados para afrontar o seu Camiño de Santiago.

Quizais sexa o Camiño de Santiago un dos máis transitados do mundo. Máis se cabe, neste ano, no que se celebra o Ano Xacobeo que adoita reunir a milleiros de persoas de tódolos puntos da xeografía. En plena situación de Covid-19, moitos foron os que decidiron tomar 'rutas alternativas' e poder chegar de igual maneira aos pés do Apóstolo. Sabedes dalguén que fixera o Camiño en bicicleta... estática?

Un equipo do Diario do Támega vén de visitar o centro ocupacional de Verín, sede da Fundación para a protección dos discapacitados psíquicos da comarca onde, os usuarios e mailos seus monitores e mestres, xa se están a preparar para a súa nova aventura. Cada mércores, durante as próximas oito semanas, farán as etapas da Vía da Prata de forma colectiva ata completar os 180 km de distancia que separan Verín de Santiago de Compostela. "Vímolo unha actividade diferente, novidosa. A xente sorpréndese e pregúntame se van todos na bicicleta... dalgunha maneira si", conta, mentres sorrí, a directora do centro ocupacional, Gisela Mascareñas.

PHOTO-2021-05-20-16-56-17Os usuarios do centro ocupacional facendo as cunchas do Camiño de Santiago.

O seu particular camiño comezará o próximo día 26, coa primeira etapa Verín- Xinzo de Limia que consta dun total de 35 km. Ao remate de cada unha, traballarán sobre os aspectos máis importantes do lugar de destino.

Imos aproveitar para que coñezan mundo. O próximo mércores, por exemplo, ímoslles explicar as características xeográficas, históricas e culturais de Xinzo de Limia (Gisela Mascareñas, directora do centro ocupacional)

O centro e a súa función

Esta é só unha das moitas labores que a directora, Gisela Mascareñas, e todo o seu equipo veñen realizando dende o ano 2000, momento de apertura do centro ocupacional. "O obxectivo de todo este traballo é darlles unha continuidade dos estudos, un apoio no educativo e no social", afirma Mascareñas. No centro conviven 17 usuarios con discapacidade psíquica leve, todos eles con idades comprendidas entre os 20 e os 60 anos e totalmente autónomos. "Temos tódalas prazas ocupadas e unha gran lista de espera", asegura a directora, algo que fai visible a súa gran labor na sociedade.

Eles xa nos ven como se foramos a súa familia, somos o seu gran punto de apoio, unha referencia moi grande (Gisela Mascareñas)

Ao longo de toda a historia do centro, viñeron practicando moitas actividades diferentes porque "son moitos anos e por iso tratamos de innovar, buscar alternativas que os motiven. Facemos actividades de ocio, de estimulación cognitiva, actividades deportivas incluso temos a nosa propia horta con tomates e leitugas", engade Gisela. Agora, coa crise sanitaria, tiveron que adaptarse á nova situación pero, segundo conta, "todo isto merece a pena por verlles tódolos días o sorriso. Non hai maior satisfacción persoal".

NOTICIAS VERÍN | Un peculiar Camiño de Santiago en bicicleta... estática
comentarios