sábado. 20.04.2024
Vista aérea do Concello de Verín. | FOTO: Carlos Montero / Manu San Martino
Vista aérea do Concello de Verín coa CIG á esquerda. | FOTO: Carlos Montero/ Manu San Marino.

A Confederación Intersindical Galega en Verín lanzou este domingo un comunicado no que consta o seu malestar pola situación da Policía Local de Verín que, segundo a central sindical é “absolutamente precaria”.

A nota acusa directamente ao Concello de Verín como responsable do positivo por coronavirus nas filas da Policía, e sinala que “as medidas de hixiene nas dependencias policiais lévanse a cabo unha vez ao día cando dende o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo sinalan que é necesario o dobre”, circunstancia pola cal anuncia, dende a formación frentista, que porán os feitos en coñecemento da Inspección Provincial de Traballo e Seguridade Social por se as deficiencias que a CIG reflicte no seu escrito son constitutivas dalgún incumprimento do Concello, sancionable pola autoridade laboral. 

Tamén se sinala que os equipos de protección (máscaras cirúrxicas) non son os axeitados para os axentes xa que “conviven con xente na rúa que non sempre fai uso da máscara. As adecuadas son as FFP2”.

A resposta do Concello

A Policía Local é un dos poucos colectivos que seguen sen ser vacinados e, por iso, dende o equipo de Goberno xa moveron ficha aínda que se manteñen á marxe de comentarios sobre a nota de prensa porque “esa información non ten sentido, non se sostén. O único que ten sentido é que a Polícia non estea vacinada”, dixo Rosario Rodríguez, concelleira de Persoal do Concello de Verín. 

Para obter resposta, foi ela mesma quen se puxo en contacto co xerente da Área Sanitaria, Félix Rubial. O xerente explicoulle que as vacinas se suministran de maneira nominal e por criterio de idade, non de esencialidade; e baixo ordes nacionais e non comarcais. A vacinación en menores de 60 anos foi paralizada pola situación da vacina de AstraZeneca, grupo ao que pertencen todos os axentes da Policía Local da vila.

En canto á CIG, a concelleira prefire non facer comentarios pero advirte: “En ningún momento a CIG me preguntou como estaba a vacinación da Policía nin de Protección Civil”. Estes últimos, non obstante, si que están vacinados seguindo as quendas establecidas polo plan de vacinación da Consellería de Sanidade.  

NOTICIAS VERÍN | A CIG sinala ao Concello de Verín como responsable do positivo en...