viernes. 19.04.2024
A capela dos Remedios, en Vilamaior, con parte dos asistentes á celebración do día grande da Virxe. | FOTO: M. D.
A capela dos Remedios, en Vilamaior, con parte dos asistentes á celebración do día grande da Virxe. | FOTO: M. D.

Como cada 8 de setembro, o concello de Verín celebra o día da Virxe dos Remedios que acolle, no seu Santuario de Vilamaior, a centos de devotos que lle renden homenaxe. Tras unha semana de actos na súa honra, pechouse a celebración cunha misa solemne ás 12:00h, unha ofrenda floral de Castrelo do Val e a posterior procesión respectando todas as medidas de seguridade e baixo un ceo gris que, ás veces, irrompía con algunhas gotas.

A grande afluencia provocou que varias decenas de persoas tiveran que desfrutar da misa no exterior da capela, entre elas, o alcalde do concello de Verín, Gerardo Seoane. A tarefa foi sinxela grazas aos altavoces pero iso non impediu pequenas aglomeracións nos accesos. No interior, unha igrexa repleta de xente emocionada mentres a Coral Polifónica de Verín, dirixida por Edelmiro Mateo, amenizaba a velada.

A Coral Polifónica de Verín. | FOTO: M. D.A Coral Polifónica de Verín. | FOTO: M. D.

Parecía, por momentos, que a chuvia dera unha tregua pero nada máis lonxe da realidade. Na metade da misa, que durou aproximadamente 50 minutos, os alí presentes tiveron que sacar de novo os paraugas. Aínda así, a auga non mermou a fe dos asistentes que quedaron ata o remate e participaron na posterior procesión.

Coa voz do arcipreste de Verín, Óscar Martínez, e baixo o berro de 'Viva a Virxe dos Remedios!' comezaba a procesión da imaxe polas inmediacións da capela acompañada pola maioría os seus devotos. Outros, preferiron quedar baixo a protección do toldo da polbeira, mentres desfrutaban dunhas boas tapas. 

NOTICIAS VERÍN | A Virxe dos Remedios reúne a máis dun cento de persoas no seu día grande