A cea semella un cónclave, coa presenza de varios membros do comité de dirección do PP de Galicia

NOTICIAS VERÍN | Rueda convoca un "Consello especial da Xunta" no Parador na noite de comadres

Case irrecoñecible, Alfonso Rueda gozando da noite de comadres o pasado ano acompañado polo alcalde de Monterrei, José Luis Suárez. | FOTO: Noelia Caseiro.

Xa é como unha tradición; vén sendo habitual que o presidente da Xunta de Galicia veña a Verín a gozar do día máis sinalado do nosos entroido: a noite de comadres. No seu tempo fíxoo Alberto Núñez Feijóo, agora é Alfonso Rueda quen, ano tras ano, acode á celebración. Se cadra, por cumprir a súa filosofía política de estar "ao carón da xente" tal e como reza o seu perfil en Instagram: "Galicia é o Camiño a seguir, ao carón da xente, serei un camiñante máis". 

Este ano será "un camiñante máis", pero estará acompañado por unha comitiva que semella máis un Consello da Xunta ou un cónclave dos líderes do Partido Popular que unha xuntanza de amigos para cear e celebrar a noite de comadres. O Parador de Verín será o escenario -como non!-; e alí tamén estará a familia dos populares da comarca, con todos os seus bandos presentes. Tal e como están as cousas no PP, igual deberían ter un equipo de emerxencias preparado para os atraogamentos.

Un cónclave popular

Quizais, tendo en conta o que pode acontecer ao longo da cea xuntando familiares que están en plena disputa polo poder, é o motivo polo que tamén están convidados numerosos membros do Goberno galego. Unha longa lista na que están os conselleiros José González (Emprego, Comercio e Emigración), Alfonso Villares (Mar), Román Rodríguez (Educación, Ciencia, Universidades e FP) e José López (Cultura, Lingua e Xuventude). Dos 12 membros do Consello de Goberno Galego, 5 estarán en Verín na noite de comadres. Non serán os únicos, ao cónclave únense destacados membros do comité de dirección do Partido Popular de Galicia.

O ano pasado, José Luis Suárez non se separou de Alfonso Rueda durante a noite de comadres. | FOTO: Noelia Caseiro.

Sorprende a presencia de Pedro Rojo, secretario xeral de Medios, persoa que dirixe a política xeral da Xunta en materia de medios de comunicación e audiovisuais. Ou igual non é tanta a sorpresa e Alfonso Rueda precise do seu home de máxima confianza para lidiar cos populares da comarca; Pedro Rojo é membro do comité de dirección e vicesecretario de organización do Partido Popular de Galicia e, precisamente, orde é o que necesitan os populares da bisbarra. Tal vez sexa Pedro Rojo o encargado de poñer as cousas no seu sitio durante a noite de comadres.

A dúbida está na asistencia de Luis Menor, presidente provincial do PP de Ourense e da Deputación, quen si estivo na reunión do Partido Popular de Verín na que se nomeou a Luisa Valladares para coordinar a transición do partido ata o congreso local. Foi Menor quen marcou a folla de ruta e quen instou ao entendemento para designar a persoa candidata á presidencia dos populares de Verín. 

Polo de agora non está confirmado que veña Luis Menor; quizais non teña ganas de estar nunha cea na que poden saltar chispas e moito máis. Porque na cea si estarán Jiménez Morán, José Luis Suárez e Luciano Rivero Cuquejo; arestora, capitáns das familias enfrontadas no Partido Popular da comarca. Do que non hai dúbida é que será unha cea que vai dar moito do que falar. ¿Tomarán algunha decisión que arranxe a situación que leva vivindo o PP comarcal dende hai tanto tempo?