O desfile infantil adiantarase unha xornada ao concidir o evento co Día de Galicia

NOTICIAS VERÍN | O ritmo dos tambores resoarán durante tres días na Festa da Batucada

A Festa da Escuma e da Auga será o sábado 26 na Praza García Barbón.

A esperada Festa da Batucada de Verín alóngase este ano un día máis ao coincidir a celebración do Día de Galicia. A vila sentirá o tremor dos tambores durante tres días, do 24 ao 26 de xullo, e non faltarán as actividades infantís, a animación musical, as festas acuáticas e o desfile de batucadas polas rúas. A batucada volve a Verín para desfrutar dunha explosión de ritmo, auga e cor cun programa que promete facer bailar a todas as persoas, dende a cativada ata as máis veteranas.

 

Como o 25 de xullo é festivo e a ludoteca non abre, o agardado Desfile Infantil da Batucada adíantase ao xoves 24 de xullo. Dende as 11:00 horas, máis de 350 nenas e nenos, procedentes da ludoteca e do campamento urbano de Verín, das escolas deportivas, do CDR Portas Abertas e da Ludoteca de Cualedro, participarán nun percorrido que sairá do CEIP Amaro Refojo, pasará pola Praza do Concello e rematará na Praza García Barbón. Este ano irán vestidos con disfraces do universo Disney para encher de maxia as rúas de Verín. A festa infantil continuará despois na ludoteca do centro educativo. Así, ninguén se queda sen o seu día de ritmo.

 

Festa acuática no río, desfile de batucadas e música

O venres 25, aínda que sexa festivo, a festa non para. Pola tarde, entre as 16:30 e as 19:00 horas, a praia fluvial do Támega acollerá unha refrescante festa infantil con inchables e animación musical. Xa pola noite, a Praza García Barbón será o epicentro da marcha, cunha sesión continua de DJs (DJ Bacardit, Jennifer Cach, Señora DJ e Andria) dende as 23:00 ata as 03:00 horas. 

E para pechar por todo o alto, o sábado 26 trae o día grande da Batucada. Pola tarde, de 17:00 a 19:00 horas, volve a clásica Festa da Escuma e da Auga na Praza García Barbón, con música de A Gramola Friends e zonas separadas para adultos e cativos. E ás 19:00 horas comezará o gran Desfile da Batucada. As formacións Queimatasas (Poio) e Bloco Trifulka (Xinzo de Limia) tomarán as nosas principais rúas, rematando coa xa mítica batalla de batucadas na Rúa Irmáns Moreno. A noite pecharase, como non podía ser doutro xeito, con máis música na Praza García Barbón a cargo de Groove Amigos, Marcos Gramola e Dmiron ata ben entrada a madrugada.