Xoves. 28.03.2024
Segunda reunión co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, para a creación dun Punto de Encontro Familiar na vila.
Segunda reunión de Pilar García e José Manuel López co alcalde de Verín, Gerardo Seoane, para a creación dun Punto de Encontro Familiar na vila. Desta vez, tamén acudiron Javier Cid, de Servizos Sociais, e Diego Lourenzo, tenente de alcalde.

Pilar García e José Manuel López, os dous veciños de Verín que loitan pola creación dun Punto de Encontro Familiar na vila, acudiron esta mañá, e por segunda vez, á casa consistorial de Verín onde os agardaban o alcalde, Gerardo Seoane, o tenente de alcalde, Diego Lourenzo, e o coordinador de Servizos Sociais, Javier Cid. O obxectivo, poñer enriba da mesa un problema que "detectaron Pilar e José Manuel e que tamén detectamos nós no ano 2017, momento no que se comezou a traballar nel", afirma Lourenzo.

Os cinco analizaron os requisitos faltantes para a apertura dun destes centros, que, de crearse, sería o segundo de toda a provincia de Ourense. "Loitamos por isto, para que se poida dar servizo non só a Verín senón ao sur da provincia enteiro. Repartir tarefas entre este e Ourense para que o servizo sexa mellor", apunta José Manuel, quen leva cinco anos sendo usuario do PEF da capital. "Dende hoxe comezamos a darlle forma a un informe de necesidades, recabando os maiores datos posibles. Queremos ter todos os datos dos usuarios do PEF de Ourense que sexan desta zona e falar con eles de maneira persoal. Non só pertencentes a Verín, senón dun ámbito xeográfico maior ao que pretendemos darlle cobertura", engade Lourenzo.

Dende o Concello consideran un paso importante solicitar este servizo de maneira ben documentada. "Isto finalmente é competencia da Xunta pero non podemos ir petar portas coas mans vacías. Imos ir documentando unhas necesidades e unha vontade clara", incide Lourenzo. "E, para facilitar o traballo, estamos dispostos a ceder un local acondicionado para poder instalar o PEF", engade.

O Concello comprometeuse a ceder e acondicionar o espazo que se precise para crear o PEF (José Manuel López)

Mentres se segue traballando na elaboración de dito informe, que está previsto que remate en setembro, momento no que se celebrará unha terceira xuntanza, Pilar e José Manuel seguirán durante toda esta semana recollendo sinaturas entre os veciños da comarca porque "hai moitos que nos din que non se poideron achegar a semana pasada". Do mesmo xeito reuniranse mañá ás 12:30h co presidente da Mancomunidade de municipios de Verín, José Luís Suárez, para abordar este tema.

NOTICIAS VERÍN | O Concello cederá o local para o futuro Punto de Encontro Familiar