O novo conselleiro de Sanidade visitou as instalacións

NOTICIAS VERÍN | O novo edificio das Urxencias abrirá antes de rematar setembro

Gerardo Seoane -alcalde de Verín-, Antonio Gómez -conselleiro-, Guillermina Agulla -directora do Hospital-, Manuel Pardo -delegado da Xunta- e o Xerente de Área, Santiago Camba.

A Xunta prevé que o novo edificio de Urxencias e o Punto de Atención Continuada do Hospital de Verín entren en funcionamento despois do verán. Así o avanzou hoxe o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, na súa visita a este hospital comarcal da rede sanitaria pública galega, quen a preguntas dos xornalistas confirmou que será na segunda quincena do vindeiro mes de setembro cando comecen a entrar os pacientes de Urxencias pola novas instalacións. 
 

No acto, no que tamén estiveron o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, o xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, e a directora do distrito sanitario de Verín, Guillermina Agulla, o conselleiro subliñou que os traballos realizados para ampliación das Urxencias e do PAC, así como a mellora da eficiencia enerxética, acadan un investimento da Xunta de 4,5 millóns de euros.

Gómez Caamaño detallou que coa actuación executada haberá novos espazos divididos en área de Urxencias e de PAC, con salas de espera separadas para pacientes xerais, pediátricos e con sospeita de enfermidades contaxiosas.

Ademais, cando se poñan en servizo estas novas instalacións, pasaranse das 167 prazas de aparcamento en urxencias actuais a máis de 200.

No que atinxe á mellora da eficiencia enerxética, instaláronse paneis fotovoltaicos, illouse a cuberta e mudouse a iluminación por outra más eficiente.

Todas estas medidas que posibilitan mellorar a asistencia sanitaria, configurando novos espazos máis modernos, confortables e accesibles para pacientes e profesionais, compleméntanse coa dotación dos novos recursos tecnolóxicos e materiais incorporados nos últimos anos, por un importe de 900.000 euros.

Entre eses recursos, o conselleiro destacou un novo TAC, un novo equipo radiocirúrxico, ou un novo sistema de anestesia. Tamén se renovou o mobiliario coa substitución de 40 camas, mesas e sillóns de acompañante.