viernes. 19.04.2024
IMG-3290
O alcalde de Verín, G. Seoane (á esquerda) e o subdelegado do Goberno en Ourense, E. González (á dereita) reciben ao novo delegado do Goberno en Galicia. Acompáñanos varios cargos da Garda Civil e da Policía. | FOTO: M. D.

O novo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou esta mañá e por primeira vez a nosa vila. Chegaba arredor das 11 da mañá á casa consistorial de Verín, onde xa o agardaban o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González e o alcalde, Gerardo Seoane. Na recepción tamén estaban varios altos cargos da Garda Civil e do Corpo Nacional de Policía. "O sentido destas visitas é, ademais de escoitar as demandas dos concellos, trasladar novos programas que son descoñecidos para eles", afirmou José Miñones.

Despois dunha pequena presentación, reuníronse en privado na Casa do Concello para, máis tarde, comezar unha ruta por varios puntos de interese da localidade. O primeiro, a ponte sita en Queizás, que comunica o núcleo urbano desta localidade co polígono industrial de Pazos. Un dos obxectivos do grupo de goberno de Verín é reducir o tráfico na vila e, como consecuencia, as emisións contaminantes á atmosfera. Con esta nova ponte facilítase esa labor e tamén o acceso de vehículos pesados ao parque empresarial. "Evitar o tráfico no centro das vilas é unha idea que me parece idónea, dentro tanto do reto demográfico como de transición ecolóxica. O importante é priorizar as avenidas para a cidadanía e intentar retirar vehículos", dixo o delegado de Goberno.

IMG-3307O alcalde, Gerardo Seoane acompañado polo delegado do Goberno, José Miñones e o subdelegado Emilio González. | FOTO: M. D.

Con esa mesma finalidade, o alcalde de Verín mostroulle ao novo delegado do Goberno en Galicia o proxecto de construción dun novo paso elevado sobre o río Támega na Preguiza. Esta nova ponte conectará a avenida de Laza coa estrada de Vences e logrará desconxestionar tamén o tráfico no centro da vila. Ambas obras están recollidas no Plan de Humanización de Verín, cuxo propósito é convertela nunha localidade máis sostible. "É o primeiro concello que visito no que se está a levar a cabo este plan de humanización a través dos fondos do IDAE. Quero recalcar que o IDAE non só é luminaria senón que deriva en máis formas de aforro", dixo o delegado.

IMG-3315O alcalde de Verín móstralle ao delegado do Goberno o proxecto das obras no parque da Preguiza. Acompáñaos o subdelegado do Goberno, E. González e o parlamentario Juan Carlos Francisco Rivera. | FOTO: M. D.

Ademais da mellora da mobilidade na vila, hai proxectos postos en marcha de carácter cultural, como o actual acondicionamento de Fontenova, ou de carácter enerxético. "Quero felicitar ao alcalde por extender iniciativas municipais como a instalación de paneis solares nos centros escolares que é tan importante", engadiu o delegado. E valorou como unha "cantidade importante" o investimento de dous millóns de euros para todas estas melloras ao que o alcalde respondeu "é pouquísimo", mentres ría. Gerardo Seoane tamén lle pediu ao novo delegado do Goberno que "interceda por nós ante a Confederación Hidrográfica do Duero para a mellora do saneamento nas dúas depuradoras, a ETAP e a EDAR". A visita rematou coa pertinente rolda de prensa conxunta no Auditorio de Verín, onde o alcalde agradeceu a visita e a atención prestada -"aquí tes un amigo para o que necesites"-, ao que o delegado respondeu: "É un pracer poder estar aquí".

NOTICIAS VERÍN | O novo delegado do Goberno en Galicia visita Verín por primeira vez