Xoves. 28.03.2024
Sede de Monteval, no polígono industrial de Pazos, Verín.
Sede do GDR Monteval, no polígono industrial de Pazos.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Monteval pechou o pasado día 3 de xuño o prazo de presentacións dos proxectos enmarcados no programa Leader. Ata entón, foron presentadas 23 solicitudes que, en total, suman unha cantidade de algo menos de catro millóns de euros de investimento. Segundo o GDR Monteval "esta é unha moi boa noticia porque a xente cre no rural, é unha mostra de que a xente quere traballar nel e facer vivir o rural".

A xente cre no rural, quere traballar nel e facelo vivir (GDR Monteval)

Oito dos proxectos pertencen a concellos da comarca e, por primeira vez, tres deles fan unha candidatura conxunta. Trátase da Mancomunidade Conso Frieiras, que aposta pola instalación da banda ancha ultrarrápida en Riós, A Gudiña e A Mezquita. No resto de casos, son maioritariamente proxectos turísticos, sociais e gastronómicos. Entre eles destacan a ampliación da residencia de terceira idade Montebarrio, cun orzamento presentado de case 1.800.000 euros, o máis altoou unha sala de degustación na casa rural O Retiro do Conde. Tamén a iniciativa de dous mozos emprendedores, de Laza e Monterrei, que se decantan pola rehabilitación de espazos destinados a turismo rural ou a ampliación de material e servizos para xestionar a tenda en liña de productos locais Delicias do Támega.

Avaliación de proxectos

Agora, comezarán a analizar cada unha das propostas para saber cales son aptas para a subvención. "Temos que revisar os expedientes, comprobar que está toda a documentación e requerir a que falte. Cando todo iso estea correcto, realízase unha visita ao lugar onde se vai instalar o proxecto, é importantísimo que o proxecto non estea iniciado no momento da solicitude", afirma Ana Pardo, xerente do GDR, que, engade "unha vez que fagamos a visita, e o proxecto xa conste na sede eléctronica é o momento de comezalo". Realizados os trámites anteriores, a solicitude documentada é enviada a Santiago de Compostela onde, os técnicos asignados da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural  -Agader-, verifican a proposta. Tras isto, "celebramos a Xunta Directiva do programa Leader para a adxudicación das subvencións", explica Ana. A súa está composta polos 10 alcaldes dos concellos que integran o GDR (A Gudiña, A Mezquita, Castrelo do Val, Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín e Vilardevós) e 11 representantes do sector privado. "Sendo moi optimistas poderiamos ter proxectos seleccionados en setembro", engade Ana.

Poderíamos ter proxectos seleccionados en setembro, sendo moi optimistas, porque este ano vai máis retrasado que nunca (Ana Pardo)

Ana Pardo agradece aos solicitantes a participación e anima a tódolos interesados en ter unha oportunidade de negocio a seguir traballando nesa idea porque "non van entrar nesta convocatoria pero si na seguinte, que xa está confirmada". Para a financiación dos proxectos o GDR Monteval conta cun orzamento de algo máis de 500.000 euros.

NOTICIAS VERÍN | Unha vintena de proxectos de catro millóns de euros á procura dos...