martes 27/07/21
O xeriátrico está situado na localidade zamorana de Trabazos

NOTICIAS VERÍN | José Manuel Barrio, o empresario orriolense que aposta polo rural e polos maiores, presenta a súa nova residencia

unnamed
A porta principal da nova residencia María Teresa Blanco Barja. | FOTO: Iván Iglesias.

Hoxe era un día de festa na localidade zamorana de Trabazos. Pero, foi un galego, o empresario de Riós, José Manuel Barrio, o responsable de tal celebración. E non foi para menos porque, despois de varios meses de retraso por mor da pandemia, estreaba a súa nova residencia de maiores. Un proxecto nacido dunha paixón, a súa pola xeriatría, e coa colaboración do concello de Trabazos. "Estou moi ilusionado. A residencia María Teresa Blanco Barja é unha homenaxe á miña nai e faime especial ilusión ensinárvola hoxe. E grazas ao concello de Trabazos que nos tratou moi ben e nos facilitou o proceso hoxe é posible esta presentación", afirma José Manuel Barrio, emocionado. "Está ademais nunha zona de moi fácil acceso, moi visible, ubicada na propia nacional N-122 que une Zamora con Portugal", engade.

Esta é unha homenaxe á miña nai e faime especial ilusión presentárvola hoxe (José Manuel Barrio, xerente da residencia)

unnamedUn dos primeiros grupos guiados para coñecer a residencia. | FOTO: Iván Iglesias.

O evento comezou arredor das 12:30h, coa apertura de portas seguindo tódalas medidas anticovid. Á entrada proporcionáronse xel hidroalcólico e máscaras para cada un dos visitantes. Unha vez cumprido o protocolo, comezou a visita guiada en grupos de dez persoas, organizados polos dous andares que ocupa a residencia. Os grupos estiveron encabezados por persoas de confianza de Barrio, entre os que destacou a súa parella, Maide Correia, ou o alcalde de Trabazos, Javier Faúndez, encantado coa súa 'nova faceta' de guía. "Os veciños dinme que están moi contentos con esta instalación. Xa ves que viñeron moitos coñecer o edificio, xa nos facía falta algo así no municipio", engade.

Outro dos rostros coñecidos, o rexedor de Riós, Francisco Armando Veiga, concello no que Barrio construíu o seu primeiro xeriátrico, estaba tamén en Trabazos: "Hai que apoiar aos emprendedores de Riós que xa son case internacionais. Sorprendeume moi gratamente que José Manuel elixira este lugar para levala a cabo e valoro moito o servizo que prestan porque é fundamental. Aos maiores hai que atendelos que ben o merecen", afirmaba.

PHOTO-2021-06-15-21-31-18_1Javier Faúndez, alcalde de Trabazos, ensinando a residencia a un grupo de visitantes. | FOTO: Iván Iglesias.

O dono e principal inversor, estivo acompañado en todo momento por amigos de tódalas partes da xeografía nacional e portuguesa. Tamén os seus familiares, entre os que destaca o seu pai, José Barrio, moi emocionado de estar presente e que afirmaba "paréceme ben o que montou o meu fillo, sempre ten boas ideas", mentres ría. 

Finalizado o percorrido para coñecer as instalacións, os presentes foron obsequiados cunha comida ao aire libre na mesma localidade, con grupos reducidos, perfectamente separados e cumprindo coas máis estritas medidas de seguridade. O momento de diversión veu da man da música en directo do cantante portugués Domingos Moça, que amenizou gran parte da velada.

NOTICIAS VERÍN | José Manuel Barrio, o empresario orriolense que aposta polo rural e...
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade