Terá lugar as vindeiras fins de semana e días festivos

NOTICIAS VERÍN | Femuro retoma o seu mercadiño de Nadal para financiar proxectos sociais

O Troco Nadal de Femuro en decembro do pasado ano. | FOTO: Femuro

A Federación de Mulleres Rurais de Verín –Femuro- quere deixar pegada este Nadal, de novo, axudando aos que máis o precisan. Por segundo ano consecutivo, organiza, para as vindeiras fins de semana de decembro e días festivos un mercadiño solidario de Nadal, cuxos beneficios serán destinados a proxectos sociais da propia entidade.

Durante os días 6, 8, 10, 11, 12, 17, 18, 19, 20, 21, 22 de decembro e 3, 4 e 5 de xaneiro, estará aberto ao público este mercado solidario na Avenida de Sousas, 37, de Verín en horario de mañá –de 11:00h a 13:30h- e de tarde –de 16:30h a 19:00h-.

No mesmo, estarán dispoñibles artigos novos e tamén usados, aínda que en bo estado, que foron doados por particulares ou empresarios da vila ou fabricados expresamente para a ocasión. "Estamos moi contentas porque este ano a xente colaborou moitísimo", contan dende a asociación, á vez que recordan que todos aqueles que estean interesados en achegar produtos aínda poden facelo nas súas instalacións do Camiño Vello de Sousas, número 26.

Como adoita ser neste tipo de eventos, a variedade de produtos é moi ampla. "Temos de todo. Libros, que sempre é o que máis abunda, xoguetes, adornos de Nadal e moita artesanía, xa que a xente fainos infinidade de cousas a man con todo o cariño", explican.

Tamén, durante algunhas das xornadas, contarán con concertos en directo e a visita máis especial da tempada para os cativos como é a de Papá Noel.