Está dirixida por José Luis Tielas, mestre tamén do conservatorio verinense

NOTICIAS VERÍN | Dúas alumnas do CMUS debutan hoxe, nos Mestre Mateo, coa Xove Orquestra Ourensanía

Este sábado, 11 de marzo, os Premios Mestre Mateo celébranse no Auditorio de Ourense, cunha gala na que se estreará unha nova formación musical da provincia. A Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía preparaba estes días na Escola de Música da Limia (Esmuli) tan importante cita, con constantes ensaios para que nada fallase. E neses ensaios estaban dúas cativas alumnas do Conservatorio de Música de Verín, Iria Silva ao clarinete e Sofía Flores co violín. 

A orquestra, formada por máis de 40 persoas, porá o toque musical da gala dos Mestre Mateo baixo a batuta de José Luis Tielas, que é o director musical e artístico da banda e ademais da Esmuli e da Agrupación Musical da Limia, así como profesor do Conservatorio de Música de Verín. Sobre o escenario, alumnos da Esmuli, da Escola de Celanova e dos conservatorios de Verín e Ourense, serán os encargados do acompañamento desta cerimonia que organiza a Academia Galega do Audiovisual.

O proxecto, que intentou xurdir no 2020, tivo que agardar. Agora, preséntase unha gran oportunidade para darse a coñener nunha gala que se poderá ver en directo pola Televisión de Galicia. "Pareceunos o momento máis axeitado para empezar o proxecto", dicía recentemente Tielas a este xornal, cando se coñeceu que a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía participaría na cerimonia dos Premios Mestre Mateo.

Na gala, os máis de 40 músicos non estarán sós. A cantautora solista Silvia Penide acompañaraos nalgunhas interpretacións. Ademais, María Mendoza, codirectora da orquestra e compositora da música, e Myriam Cortizo, encargada da produción e membro da Orquestra Vigo 430; non faltarán nesta gran estrea da que é a primeira formación enfocada aos instrumentos de corda. "En Ourense non hai ningunha orquestra deste tipo", destaca Tielas.

Aparecer nos Premios Mestre Mateo outórgalles a posibilidade de visibilizar a súa formación, xa que queren involucrar aos ourensáns, conservatorios e escolas de música da provincia neste proxecto, de aí o nome de Ourensanía. Polo pronto, contan coa promesa de apoio por parte da Deputación provincial.

O máis inmediato é preparar esta primeira actuación, pero logo virán máis. Na mente da dirección da formación está preparar unha xira pequena por auditorios da provincia para darse a coñecer e tamén para que o proxecto siga medrando, captando a posibles novos integrantes.