viernes. 19.04.2024
210521 PARQUE INFANTIL RUA SAN FELIX_CAUCHO CONTINUO_1 (FILEminimizer)
Todos os parques infantís terán o mesmo chan que xa loce o da rúa San Félix da vila, de caucho continuo. | FOTO: Carlos Montero.

O Concello de Verín vén de anunciar o inicio da primeira fase do plan de renovación, mantemento e mellora dos parques infantís do municipio, cuxo obxectivo é incrementar a seguridade dos usuarios, fomentar a accesibilidade e rehabilitar o mobiliario danado. Para isto, substituiranse un total de 1.500 m² de chan dos seus parques infantís por caucho continuo e realizaranse os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen.

Segundo informou esta mañá o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo, tras realizar un estudo pormenorizado de máis de trinta parques infantís do casco urbano, centros educativos públicos e aldeas do municipio, "poñeremos en marcha unha batería de accións de mellora entre as que se incluirán a substitución dos cauchos amortecedores de caídas que estean desgastados por caucho continuo, a actualización dos xogos infantís danados, así como os labores de mantemento e reparación de todas as zonas de xogo que así o precisen".

Seoane tamén quixo puntualizar que o importe necesario para a realización deste plan de renovación integral, que supoñerá un investimento total de 100.000 euros, estará incluído nunha nova modificación de crédito orzamentario.

Pola súa banda, o concelleiro responsable da área de Mocidade, Diego Lourenzo Moura, explicou que con este plan búscase atender, de maneira integral e ordenada, á vixente petición veciñal de actualización das zonas de xogo infantís de competencia municipal. "É de vital importancia dotar a todas as zonas de esparexemento infantil da vila e pedanías dunha mellora integral e equitativa. Debemos lembrar a importancia que teñen estes parques para os nosos menores xa que, ademais de ser espazos de lecer e diversión ao aire libre, compren un papel fundamental no desenvolvemento persoal e social dos nenos e nenas".

Melloras nas zonas deportivas exteriores

Desde o Concello de Verín, tamén se informou esta venres que -nesta mesma liña de traballo- procederase á adecuación de varias das zonas deportivas exteriores municipais, realizado labores de mantemento do mobiliario deportivo, así como de substitución dos firmes deteriorados.

NOTICIAS VERÍN | O Concello de Verín destinará 100.000 euros en anovar 30 parques infantís