Venres. 29.03.2024
190811 FEIRA VIÑO 2019 SABADOIMG_6788 CMZ-2
A Feira do Viño 2019, na alameda de Verín.

Un dos sinais de identidade da comarca de Monterrei é a súa tradición vitivinícola. Cos mellores viños da zona como protagonistas, celébrase cada verán unha homenaxe a este produto: a Feira do Viño. Tras o parón do ano pasado provocado pola Covid-19, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei mostrou a súa interese por retomar moi pronto a actividade

Temos a clara vontade de que se celebre porque, ademais de ser un acto promocional para a Denominación de Orixe, témoslle moito cariño (Lara Da Silva, presidenta do Consello Regulador)

Agora, cunha situación sanitaria máis favorable, a presidenta do Consello Regulador, Lara Da Silva, afirma que o importante é "estudar moi ben a situación. Terá que ser un formato adaptado ás circunstancias e para iso imos manter unha reunión co outro colaborador do evento, o Concello de Verín. Xuntos tomaremos as medidas para facela o máis segura posible."

Podería ser un formato mixto. Facer a presentación e outros eventos culturais cun número reducido de asistentes e o resto de celebración no seu formato orixinal pero con aforo controlado (Lara Da Silva)

Dende a D. O. Monterrei confirman a súa intención de que a Feira do Viño deste ano, que sería a 15 edición, se celebre durante unha fin de semana completa, tal e como viña sendo habitual. O que non está claro aínda é de que fin de semana se trata, pero todo apunta a que se retrasará para evitar ao máximo as aglomeracións"Non sabemos cando nin onde se vai festexar", afirma Da Silva, cun propósito claro de manter as pertinentes medidas de seguridade. 

Estamos a seguir as pautas de vacinación da Xunta de Galicia para establecer os mellores días. Queriamos que fose nos días habituais, a segunda fin de semana de agosto, pero vemos factible retrasala unha ou incluso dúas semanas para facela máis segura (Lara Da Silva)

Agora, segundo Da Silva, continuarán as avaliacións en colaboración co Concello de Verín e será máis adiante cando se lles dea unha resposta definitiva a todas estas incógnitas.

A feira do pemento de Oímbra

Outras das grandes citas gastronómicas do mes de agosto na nosa comarca é a Feira do Pemento de Oímbra. En torno a ela, non temos ningún dato confirmado en canto á programación se refire pero "estamos estudando que partes facemos, a dúbida está na comida popular. Ata xuño non tomaremos ningunha determinación", afirma Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra. Teremos, por tanto, que esperar para coñecer os eventos que se van realizar, como cada ano dende a súa primeira edición, o primeiro fin de semana de agosto. Unha festa de interese turístico galego que en cada edición atrae a preto de catro mil persoas.

NOTICIAS VERÍN | O ritmo de vacinación marcará as datas da XV Feira do Viño de Monterrei