viernes. 26.04.2024
A3E8E017-4B93-47DB-A9D6-B38864D48D46
A deputada, Marina Ortega, o secretario provincial, Rafa Villarino con Gonzalo Caballero e o doutor Castrillo. Á dereita, o deputado J. Carlos Francisco e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia, Gonzalo Caballero, estivo hoxe ás portas do Hospital de Verín nun acto en apoio ao doutor Javier Castrillo, xefe de xinecoloxía e recentemente sancionado pola Consellería de Sanidade pola loita do coñecido #VerínNonSePecha.

Eran as 11:30h pasadas da mañá cando chegou Caballero e estreitou a man co doutor, que o agardaba no interior do edificio. Tras uns poucos minutos de conversa entre ambos, Caballero comezou a declaración aos medios insistindo en que "a sanción que a Xunta de Galicia lle quere poñer ao doutor Castrillo, aínda que mínima, é totalmente inxusta. É unha represalia política a un defensor do paridoiro e un defensor da sanidade pública".

Non quixo perder a oportunidade de recalcar o incondicional apoio dos veciños á "intachable traxectoria" do doutor Castrillo e engadiu: "Cando a Xunta quixo pechar o paridoiro topouse coa manifestación da cidadanía e tivo que rectificar. Esta sanción é a excusa perfecta para non recoñecer o seu fracaso. Castrillo é unha figura referente para toda Galicia na loita pola sanidade pública", incidindo na idea de que existen outros moitos problemas maiores dentro do funcionamento do servizo de saúde galego, como os contratos de temporalidade ou as longas listas de espera.

Tamén fixo un chamamento público ao presidente Núñez Feijóo para que tome decisións ao respecto. "Pídolle ao presidente da Xunta que cese inmediatamente a calquera representante da Consellería de Sanidade que queira manter esta sanción" e engade que o seu partido levará a cabo tódalas medidas necesarias no Parlamento para paralizala.

5D5C4F15-1BDA-4EBA-BDD6-1DDE1F1B1B22Rafa Villarino e Gonzalo Caballero acompañan a Castrillo durante a súa intervención. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Pola súa banda, Javier Castrillo agradeceu o apoio e repetiu unhas palabras que hai uns días adiantou a Diario do Támega. "A mancha no meu expediente é inxusta e por iso vou agotar a vía administrativa. Se non ten efecto, non dubidarei en botar man da xudicial" e, engade, "este expediente xa naceu con sentencia de culpabilidade"

Varios curiosos, ante cámaras e micrófonos, foron achegándose para escoitar o discurso, e remataron uníndose ao aplauso de tódolos representantes políticos en apoio ao doutor. Entre estes últimos, destacan o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a secretaria do PSdeG-PSOE en Verín, Rosario Rodríguez, e outros concelleiros do goberno local. Tamén o secretario provincial do PSOE, Rafa Villarino e os deputados por Ourense, Juan Carlos Francisco e Marina Ortega.

NOTICIAS VERÍN | Gonzalo Caballero acusa a Feijóo de represaliar ao doutor Castrillo