jueves. 25.04.2024
Breo é un auténtico can de palleiro con moitas habilidades. | VÍDEO: M. D. / Iván Iglesias

Coñecémolo hai uns días na andaina que o GDR Monteval organizou en pro da igualdade de xénero. Como un participante máis, Breo emprendeu a viaxe de tres quilómetros e medio que o separaban da fortaleza de Monterrei e, durante o paseo, non deixaron a ninguén indiferente as súas grandes capacidades.

Esas que agora, a punto de cumprir tres anos, mostrou a un equipo do Diario do Támega. Este auténtico can de palleiro, pedigree incluído, foi adestrado para asociar movementos, sons e obedecer diferentes ordes, que deixan a todos sorprendidos, incluídos aos seus donos, Manolo Rolán e Rosa González, veciños de Verín. "Ensinámoslle entre a miña filla e máis eu desde que tiña poucos meses. Con dous chegou a casa e non parou de aprender. Ás veces din que só lle falta falar, pero este fala", conta Manolo, rindo.

Manolo Rolán e Rosa González, co seu can Breo. | FOTO: M. D.

É, ademais de artista, bisneto do televisivo Allo, protagonista do Presumamos como galegos, un dos anuncios do supermercado Gadis. "A raíz do anuncio púxose en valor esta raza que moitas veces estaba asociada a cans de menos categoría. Foi un antes e un despois, antes a xente nin se preocupaba desta raza, moitos non sabían nin que existía e Allo abriu un pouco os ollos nese sentido", conta Manolo.

"Moitas veces úsase o termo Can de Palleiro de xeito despectivo, non o consideran como raza. Teñen que saber que non é preciso ter un pastor alemán para ter un can intelixente", engade. 

Esta estirpe, autóctona galega, está ligada tradicionalmente ao pastoreo e aínda hoxe se relaciona con estas actividades. Non obstante, mostra habilidades tamén noutros ámbitos como labores policiais, de guía ou de asistencia en catástrofes. Pero, a pesar da súa polivalencia actualmente atópase en perigo de extinción. Algo que preocupa especialmente a Manolo, socio do Club de Raza Can de Palleiro de Galicia.

"Alá polo ano 1998 só había 400 exemplares en toda a comunidade. É unha pena, porque é unha raza moi nosa. Hai que conseguir mantela e así o pensou un grupo de veterinarios que comezaron a intentar recuperala. Hoxe en día xa están rexistrados algo máis de 2800 pero, aínda así, o perigo continúa", lamenta. Por iso, o labor de organizacións como na que el colabora vólvese fundamental para asegurar a supervivencia da especie.

NOTICIAS VERÍN | Trala pegada de Breo, un auténtico e polifacético can de palleiro