venres 17/09/21
De infantil, primaria e educación especial

NOTICIAS VERÍN | Comeza o novo curso escolar para máis dun milleiro de nenos da comarca

A ringleira dos nenos de primeiro curso de primaria do CEIP Amaro Refojo de Verín, agardando para acceder ás aulas. | FOTO: M. D.
A ringleira dos nenos de primeiro curso de primaria do CEIP Amaro Refojo de Verín, agardando para acceder ás aulas. | FOTO: M. D.

Como cada inicio de setembro, chega a para moitos -para outros non tanto- esperada volta ao cole. Hoxe, 9 de setembro, é a quenda de 1205 nenos de infantil, primaria e educación especial de toda a comarca que inician o novo curso escolar, o terceiro coa influencia da Covid-19.

Arredor de 300 -40 de nova matriculación- pertencen ao CEIP Amaro Refojo de Verín onde, a primeira hora, xa se deron reencontros máis que esperados. "Xa tiña ganas de estar cos meus amigos", afimaban moitos deles, entusiasmados, mentres agardaban para acceder. Outros, non mostraban tanta efusividade e afirmaban non ter "moitas ganas de estudar", mentres rían. "Estou triste porque algúns dos meus amigos este ano están en clases diferentes", lamentaban.

É o caso dos nenos de primeiro curso de primaria, ao que acode Diego, de seis anos. Acompañado esta mañá pola súa nai, Pilar García, estaba entusiasmado por comezar no "cole dos maiores", tanto, que foi o primeiro na ringleira para acceder. "Eu teño dous fillos. Unha nena en segundo e Diego, que comeza primeiro. Ambos están emocionadísimos por compartir cos seus amigos dos anos pasados e por coñecer outros moitos novos", afirma Pilar. "Para min o inicio é un pouco agridoce. Dame pena estar menos tempo con eles pero tamén teño ganas de normalidade", engade.

Unha ensinanza segura

Tal e como ocorreu o ano pasado, a entrada ás aulas farase, durante todo o curso, de maneira gradual. Cada clase de cada un dos cursos formará un grupo burbulla para evitar contactos, alomenos, ata que o escenario non sexa o suficientemente favorable como para flexibilizar o protocolo.

"Utilizarán máscara, con desinfección continúa, tanto os maiores como os de infantil; merendarán por quendas e só se relacionarán cos do seu grupo. A ventilación das aulas tamén xogará un papel esencial", afirma José Manuel Piñeiro, director do centro. Todo isto permitirá garantir a presencialidade nas aulas do xeito máis seguro posible.

No caso dos cativos de infantil, accederán por ambas portas do centro para evitar aglomeracións. A seguridade sanitaria súmase á persoal, xa que estrearán o novo patio rehabilitado durante este verán coa colaboración do Concello de Verín. "Ademais do patio, este ano temos en construción un aseo adaptado. O noso principal obxectivo é o benestar dos alumnos en tódolos sentidos", afirma a coordinadora de infantil.

 

 

NOTICIAS VERÍN | Comeza o novo curso escolar para máis dun milleiro de nenos da comarca
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade