venres 14/05/21
Acudirán á concentración que se vai celebrar o próximo venres

NOTICIAS VERÍN | Aever chama á mobilización dos seus asociados para apoiar aos comerciantes de Feces

Verín-Feces-comerciantes co subdelegado
Purificación Regueiro e Ángel Alonso, en representación dos comerciantes, co subdelegado do Goberno, Emilio González.

Os comerciantes de Feces de Abaixo, representados pola súa portavoz, Puri Regueiro, e un empresario do sector dos combustibles, Ángel Alonso, reuníronse esta mañá co subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, para pór no seu coñecemento as mobilizacións que pensan seguir levando adiante e solicitarlle o seu apoio e mediación ante o Goberno do Estado para que este replantexe o peche da fronteira con Portugal. 
 

Trasladamos ao subdelegado o noso malestar e pedimos que volva funcionar a Eurocidade con normalidade. Queremos controis, non peches (Puri Regueiro, portavoz dos comerciantes de Feces)

Ao tempo que a representación dos comerciantes de Feces de Abaixo se reunía co subdelegado do Goberno en Ourense, o presidente dos empresarios de Verín, Santos Álvarez, confirmaba o seu respaldo máis absoluto ás demandas dos industriais da raia, anticipando que estarán presentes o venres na nova mobilización que xa se prepara e para a que insta tamén ao resto dos asociados de Aever a participar de xeito activo na mesma.

Foi a propia portavoz quen solicitou o apoio da Asociación de Empresarios de Verín para "axudar a toda a comarca". O presidente da Aever, Santos Álvarez, mostrouse a Diario do Támega disposto a colaborar e apoiar aos comerciantes raianos: "Estamos dispostos a botarlles unha man e estaremos presentes nesa mobilización", asegurou Álvarez. 

Estamos dispostos a botarlles unha man e estaremos, se podemos acceder, presentes na mobilización deste venres (Santos Álvarez, presidente da AEVER)

A mobilización está prevista para o próximo venres, que se vai celebrar nas inmediacións da fronteira das 20:00 ás 22:00 horas. A portavoz pide máxima colaboración e advirte que se o próximo 30 de abril non teñen solucións, tomarán medidas para bloquear o paso de traballadores e mercancías entre España e Portugal.

Solicitan solucións alternativas ao peche, o cal perxudica notablemente o funcionamento social e económico da zona, e que, segundo a portavoz, afecta non só aos comerciantes de Feces de Abaixo (Concello de Verín) senón a un conxunto de cerca de 60 mil habitantes. Reclaman que se estableza, como así se fixo en Francia, un perímetro de seguridade de 30 kilómetros para os habitantes transfronteirizos

NOTICIAS VERÍN | Aever chama á mobilización dos seus asociados para apoiar aos...
comentarios