Xoves. 28.03.2024
A nacionalista acusou directamente ao presidente da Xunta de estar detrás da incoación do expediente ao xinecólogo de Verín

Noa Presas: "O expediente a Castrillo cheira que alcatrea a unha orde lanzada por Feijóo dende Monte Pío"

Se pola mañá foi Gonzalo Caballero quen tentou sacarlle as cores a Feijóo, pola tarde foi a quenda da nacionalista Noa Presas, quen lle bateu dialécticamente ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Presas afirmou que "este proceder cheira que apesta e cheira, sobre todo, a unha orde lanzada dende Monte Pío -a residencia do presidente da Xunta de Galicia-".

A deputada nacionalista, Noa Presas, na súa intervención esta tarde no pleno do Parlamento de Galiza. | FOTO: cedida.
A deputada nacionalista, Noa Presas, na súa intervención esta tarde no pleno do Parlamento de Galiza. | FOTO: cedida.

Na intervención da interpelación ao conselleiro de Sanidade, a deputada do BNG, Noa Presas non escatimou criticas contra o Presidente da Xunta e as persoas que cualificou de "secuaces" por secundar a orde para abrir un expediente sancionador contra o xinecólogo de Verín, Javier Castrillo. Vostedes, dixo a nacionalista, "quixeron pechar pola porta de atrás un servizo público, a sala de partos de Verín, e saíulles mal. Non esperaban a resposta de miles de persoas, de toda a veciñanza de Verín, das nais, das médicas e enfermeiros e do movemento feminista galego", espetou a ourensana. 

Víronse obrigados  a rectificar, morderon a lingua e deixaron pasar as eleccións e agora queren cobrar a vinganza pero en Verín a xente non ten medo e grazas ao Diario do Támega destapáronse informes que falan por si mesmos (Noa Presas)

Verín, lembrou a nacionalista, converteuse aqueles días na "capital da dignidade, no símbolo do dereito á sanidade pública e das mulleres a ser nais cerca da súa casa e por iso, víronse obrigados a rectificar, morderon a lingua e deixaron pasar as eleccións e agora queren cobrar a vinganza pero en Verín a xente non ten medo e grazas ao Diario do Támega destapáronse informes que falan por si mesmos", continuou a deputada nacionalista por Ourense, Noa Presas. 

A nacionalista insistiu en pedir explicacións sobre o expediente impulsado por "un cargo político da Xunta" e preguntou ao titular de Sanidade por que tardou máis de dez meses en facerse efectivo. Este proceder, dixo, "cheira que apesta e cheira sobre todo a unha orde lanzada dende Monte Pío", afirmou con severidade Presas. 

Castrillo, "inocente salvo que o expediente resolva o contrario"

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola súa banda e en resposta á nacionalista Presas, afirmou que o profesional que participou hai un ano na mobilización contra o peche do paridoiro de Verín é inocente "salvo que o expediente resólvase en sentido contrario. Imos ser respectuosos co xinecólogo, coa pediatra e co inspector médico", subliñou o conselleiro no pleno do Parlamento, a preguntas da deputada do BNG Noa Presas, quen acusou aos populares de estar "borrachos de maioría absoluta".

O titular de Sanidade reiterou que "en ningún momento" este asunto "pasou pola mesa da dirección sanitaria, nin pola do conselleiro, nin pola do presidente da Xunta", e asegurou que "a única participación" da xerencia de Ourense foi a referida a "evitar interferir nel". Así as cousas, expuxo que foi a inspección sanitaria a que fixo "unha información reservada" que agora pasou "a fase de instrución". Respecto diso, apelou á posibilidade que terá o profesional para alegar en varios momentos e destacou que se trata dun proceso "absolutamente garantista. Non me escoitará dicir nin unha soa palabra sobre este profesional", afirmou García Comesaña, antes de argumentar que "presión política sería pronunciarse", algo que si achacou aos grupos da oposición.

Noa Presas: "O expediente a Castrillo cheira que alcatrea a unha orde lanzada por...