luns 10/08/20
Un ilustre escritor galego, licenciado en Dereito e doutorado en Filosofía e Psicoloxía, nado en Mourazos (Verín) e criado en Vilardevós

Eloy Luis André: o neno de aldea que chegou a ser un dos intelectuais máis destacados da súa época

A Biblioteca Municipal de Verín xa conta, entre os seus fondos, coa obra de Eloy Luis André. Os seus netos, Úrsula Luis-André e Carlos Thiebaut, doaron á propiedade pública preto de 200 obras (en varias edicións) e multitude de documentación. Na xornada deste luns, 27 de xullo, ambas partes procederon á firma do contrato de colaboración.

Carlos Thiebaut, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, Úrsula Luis-André e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo. | FOTO: Carlos Montero.
Carlos Thiebaut, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, Úrsula Luis-André e o tenente de alcalde, Diego Lourenzo. | FOTO: Carlos Montero.

"Na vida de Eloy Luis André atopamos moitos lugares e viaxes, pero no seu corazón levará sempre Vilardevós, Salamanca e Leipzig/Xena (Alemaña)". Así comeza a cronobiografía realizada pola Biblioteca Municipal de Verín. Nado no pobo de Mourazos, o 18 de xuño de 1876, o autor é criado polo seu avó paterno Anselmo e a súa avoa Sabela, en Vilardevós, onde realizará os estudos primarios. 

O seu avó, republicano convencido que mesmo anduvo escapado trala "Gloriosa" de 1868, foi un campesiño de carácter perseverante e emprendedor, que lle transmitiu ó rapaz esa mentalidade de resistencia fronte ás adversidades e a importancia da vontade e o tesón. O futuro carácter de Eloy Luis André, así como a capacidade de facerse a si mesmo, proceden da influencia do seu avó, segundo os estudosos da súa biografía. André marchou estudar secundaria ós Escolapios de Celanova, ata 1891, e continuou despois no Instituto de Ourense. Licenciouse en Filosofía e Letras pola Universidade de Salamanca e comezou a preparar a oposición de doutoramento en Madrid.

Na vida de Eloy Luis André atopamos moitos lugares e viaxes, pero no seu corazón levará sempre Vilardevós, Salamanca e Leipzig/Xena (Alemaña).

Taboada Chivite chamouno "o eterno opositor" porque, a pesar dos seus extensísimos méritos académicos, tivo que loitar contra un sistema viciado que semellaba non querer outorgarlle a Cátedra da que, sen dúbida, era merecedor: alumno sobresaínte dende Bacharelato, recibiu a Matrícula de Honra na Universidade de Salamanca e foi premiado coa posibilidade de facer estudos superiores de filosofía nas universidades de Lovaina, Bruxelas e París. Grazas a esta experiencia, coñeceu a pensadores como Mercier, a Tarde e a Ribot, e conectou automaticamente coa realidade europea do momento. 

A súa conexión con Europa

Naqueles anos, Eloy Luis André desenrolou un papel moi crítico coa universidade e a súa metodoloxía: "Yo no conocía la Universidad española antes de visitar las de Francia, Bélgica y alguna de Alemania. Ignoraba lo que es el espíritu universitario, vida intelectual, hambre y sed de cultura. Después, el estudio comparativo de instituciones tan semejantes por un común origen y tan desiguales por su vida actual, me hizo meditar mil veces sobre esta pobre Universidad Española, condenada a morir si sigue así viviendo, y a ser foco infeccioso de desalentados para vivir con el esfuerzo propio". Durante o século XX, André reflexionou sobre cuestións que seguen sendo actuais no día de hoxe. 

O intelectual verinense traballou sobre a filosofía, sobre a educación, sobre a psicoloxía e incluso sobre a infraestrutura. Deseñou o presuposto para un ferrocarril lineal, que unise Vigo (pasando polos pobos do sur de Ourense) directamente con Barcelona. Opinaba que un dos portos máis importantes de España no Cantábrico tiña que estar unido á capital catalana: era unha aposta polo europeísmo, axudando ao contacto entre Portugal e Francia. O proxecto presentado dende o goberno, nunha aposta polo centralismo, preferiu conectar a cidade de Vigo con Madrid.

O presuposto que elaborou Luis André demostrou que os custes totais non serían maiores que o proxecto gubernamental e potenciarían unha descentralización que, tanto en termos loxísticos como político-económicos, podería rematar por ser beneficiosa para España. A cuestión séguese discutindo na actualidade e a súa proposta foi tan contundente que incluso detivo os plans propostos polo goberno central. Tras o estudo das opcións, os seus detractores tiveron máis peso e o plan ferrovial de Eloy Luis André nunca se materializou. As súas esperanzas de conectar Portugal e España coa Europa do século XX, esvaecéronse. 

“Yo no conocía la Universidad española antes de visitar las de Francia, Bélgica y alguna de Alemania (...) Después, el estudio comparativo de instituciones tan semejantes por un común origen y tan desiguales por su vida actual, me hizo meditar mil veces sobre esta pobre Universidad Española, condenada a morir si sigue así viviendo".

O seu galeguismo 

O escritor foi coetáneo de figuras coma Unamuno, ao que chegou a categorizar coma a súa alma xemelga de pensamento até unha discusión sobre o estatuo da nosa língua que estivo a piques de rematar con tan cercana amizade. O galeguismo de André custoulle máis dun desencontro: sempre se declarou como liberal, republicano, federalista e galeguista. Entendía a española coma unha nación de nacións e o seu compromiso con Galicia centrouse, especialmente, en erradicar o atraso económico, cultural, social e caciquil que vivía o noso país.

Para André, ser galego non podía ser considerado unha mera anécdota. O autor foi membro do grupo madrileño das Irmandades da Fala no seu primeiro período (1916-1918). Co paso dos anos, comezou a facer amizade con Aurelio Ribalta, Rodrigo Sanz e outros galegos afincados en Madrid e promotores da Revista de Estudios Gallegos, de tendencia máis tardorrexionalista que nacionalista. Todos eles abandonaron as Irmandades da Fala cando éstas deron o salto definitivo cara o nacionalismo, a partir de 1918.

Dende o seu galeguismo, continuou mantendo relacións con persoeiros nacionalistas e colaborando en publicacións da súa área de influencia coma "De provincia a nación: Historia do Galeguismo político", de D. Justo Beramendi González. 

Entendía a española coma a nación de nacións e o seu compromiso con Galicia centrouse, especialmente, en erradicar o atraso económico, cultural, social e caciquil que vivía o país.

Foi catedrático en Madrid, no Instituto Cardenal Cisneros, durante os seus últimos anos de vida: ata o 24 de maio de 1935. Faleceu con 59 anos, pero tivo tempo de acadar o mérito de ser recoñecido coma un dos autores galegos dos que máis publicacións se conservan: só en prensa local publicou 70 artigos de distinta índole. Con este acordo, a Biblioteca Municipal de Verín, en colaboración coa familia Luis-André, pretenden honrar o seu recordo e promover o coñecemento e a investigación daquela parte da memoria colectiva que foi esquecida pola conciencia popular. 

Eloy Luis André: o neno de aldea que chegou a ser un dos intelectuais máis destacados...
comentarios