luns 26/10/20
A ANPA do centro esixe que as aulas poidan comezar 45 minutos antes, ás 9:30 horas

Nenas e nenos do Princesa plantarán as clases o día 1 de outubro se Educación non modifica o seu horario

Os alumnos do CEIP Princesa de España deixarán de asistir a clase o vindeiro 1 de outubro se é que a Consellería de Educación non lle modifica o horario de entrada ao centro e lle permite comezar as clases 45 minutos antes. 

princesacarme
No mes de setembro do 2019, a cativada do Princesa de España recibía nas aulas á exconselleira Carmen Pomar. | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

As nais e pais do Centro de Educación Infantil e Primaria Princesa de España de Verín veñen de facer pública a súa ameaza de non enviar aos seus fillos á escola o vindeiro 1 de outubro ata que a Consellería de Educación non mude de criterio e lles permita acceder ao centro para comezar as clases 45 minutos antes do horario que teñen fixado


Entenden as nais e pais do CEIP que iniciar o periodo lectivo diario ás 10:15 horas impide "unha adecuada conciliación familiar, non permite a realización doutras actividades que deben desenvolver os cativos desas idades, e tamén -sosteñen- é inadecuado dende o punto de vista pedagóxico ese horario, xa que o Princesa é o único centro da provincia que comeza tan tarde as súas clases", din. 
Tanto o claustro do profesorado, como o consello escolar -cunha única abstención- e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do centro solicitaron xa no mes de febreiro á Xefatura Territorial de Educación en Ourense a modificación do horario lectivo, para comezar ás 9:30 horas e rematar ás 15:30, e non como o están a facer ata agora, ás 17:00 horas. 

Oídos xordos da Xefatura Territorial da Consellería

Segundo afirma o colectivo de nais e pais no comunicado, "a Xefatura Territorial non buscou solución a estas xustas demandas, e só tentou en todo momento que todo seguise igual". Resposta similar a que tamén obtiveron o pasado 17 de setembro, cando se lles entregou ao mesmo órgano rector educativo na provincia unha relación de sinaturas de máis do 95 por cento das nais e pais dos alumnos. 

Por iso que veñen de anunciar que "a partir do día 1 de outubro ningunha rapaza nin rapaz acudirá ao colexio até que se nos atenda a demanda, porque non é de recibo que sexa o servizo de transporte o que esté fixando os horarios dos nosos nenos", e convocan á sociedade civil verinense a que participe en todas as mobilizacións que xa teñen ideadas. 

Nenas e nenos do Princesa plantarán as clases o día 1 de outubro se Educación non...
comentarios