Xoves. 28.03.2024
A esa cantidade deberá restárselle o importe das axudas da Xunta no caso de que o usuario as teña recoñecidas

A estancia dunha xornada enteira no Centro de Día de Verín custará 420 euros ao mes

A Corporación municipal aprobou hoxe a modificación da ordenanza reguladora do Centro de Día de Verín, en dous aspectos fundamentais: os prezos finais ofertados pola concesionaria e tamén o artigo que ata esta mañá impedía que os usuarios poidesen optar ás axudas da Xunta de Galicia. Así, e coas abstencións do PP, quedaron aprobadas as tarifas e modificado o regulamento, que agora xa si da a posibilidade de acollerse aos beneficios do Consorcio Galego de Igoaldade e Benestar.

plenoabril2019
O grupo do Partido Popular abstívose nos dous puntos da orde do día.

Sesión de puro trámite na Corporación municipal da vila, con dous importantes puntos na orde do día, a aprobación inicial da proposta de Instrumento de Ordenación Provisional e a tamén sanción da modificación da ordenanza reguladora da xestión do Centro de Día de Verín, na que se recollerá, ademais dos novos prezos propostos pola entidade xestora, a compatibilidade das axudas á Dependencia da Xunta de Galicia coa institución municipal.

Aínda que o expediente do novo instrumento de regulación urbanística deberá exporse ao público e ser comunicado aos titulares das máis de 2.700 propiedades afectadas, os votos das dúas formacións que sosteñen ao bipartito permitiron avanzar nunha solución que posibilitará recuperar o "95 por cento do Plan Xeral de Ordenación Municipal do 2012", segundo o alcalde Gerardo Seoane, dando de novo, cando a aprobación sexa xa definitiva, seguridade xurídica urbanística á meirande parte da casco urbán da vila.

CONTROVERTIDO ARTIGO

No pleno tamén quedou modificado o artigo número 17 da ordenanza reguladora do Centro de Día de Verín, que logo de substituír o termo de "incompatibles" por "compatibles", permitirá que os usuarios da instalación accedan ás axudas á Dependencia da Xunta de Galicia como calquera otro usuario dos centros de día da rede galega do Consorcio de Igoaldade e Benestar. O erro, atribuíble ao Departamento de Servizos Sociais, foi sinalado na pasada sesión na que se adxudicou a xestión do Centro de Día a Xerontoloxía Verín, S.L. polo voceiro do Partido Popular, Juan Manuel Jiménez, aínda que ningún dos membros da Corporación fora quen de advertilo nin no 2017 nin no 2018, nos plenos onde se aprobou inicialmente a ordenanza e se modificou, respectivamente.

Tamén quedaron fixados os prezos máximos que deberán pagar os usuarios polos diferentes servizos, cantidade á que se lle deberá minguar a axuda da Xunta no caso de contar con ela. Pola xornada completa, os residentes pagarán 420 euros, e pola media, 210. Se optan por xantar no centro, o custe mensual será de 103 euros. A merenda, tamén optativa -porque pode enviala a familia- terá un prezo de 51 euros. No caso de precisaren transporte, deberán pagar 140 euros máis ao mes.

A estancia dunha xornada enteira no Centro de Día de Verín custará 420 euros ao mes