luns 12/04/21
A antiga estrutura foi integrada medioambientalmente en consonancia coa zona

NOTICIAS VERÍN | A Veiga de Tintores loce ponte anovada

Nova ponte de Tintores.
Así loce xa sobre o Támega a renovada estrutura en Tintores (Verín). | FOTO: Carlos Montero.

O Concello vén de rematar as obras de mellora de carreiro e creación de roteiro interpretativo na Veiga de Tintores, que o Concello de Verín licitou por 20.432,92 euros (máis o I. V. E.), dos cales 20.000 euros proceden da subvención financiada integramente polo Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, cunha achega do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) do 75%.

O obxectivo desta actuación foi a recuperación e valorización do antigo carreiro situado na Veiga de Tintores, que se inclúe dentro da Rede Natura. As obras efectuadas consistiron na integración medioambiental da antiga ponte que cruza o río Támega, mediante a colocación de adoquíns, ademais de se substituír o valado metálico por outro de madeira en consonancia co entorno no que se empraza.

Ademais mellorouse o carreiro que une dita ponte coa pontiña sobre o rego do muíño existente, e colocouse unha serie de carteis indicativos e divulgativos sobre os solos agrícolas e os aproveitamentos agrogandeiros nesta zona; xa que o tramo reformado conecta a área de lecer e fluvial de Tintores con varias parcelas agrícolas.

Verín-obras-ponte de TintoresAspecto que xa presenta a nova estrutura sobre o Támega en Tintores. | FOTO: Carlos Montero. 

Segundo destacou o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, a rehabilitación deste carreiro permitirá a interconexión da zona de ocio de Tintores (incluso a “ciclovía do Támega”) coa outra marxe do río, no que o visitante poderá percorrer zonas de transición dun ecosistema fluvial con explotación agrogandeiras perfectamente adecuadas ó entorno.

NOTICIAS VERÍN | A Veiga de Tintores loce ponte anovada