Xoves. 28.03.2024
O acto público celebrarase na Casa da Cultura de Verín mañá, xoves 7 de novembro, ás 20;30 horas

O BNG presenta na vila ós seus candidatos e candidatas ó Congreso por Ourense

Baixo o lema "Facer valer Galiza con voz propia" o Bloque Nacionalista Galego celebrará o seu mitin de campaña en Verín coa presenza de destacados políticos ourensáns. O histórico Alfredo Suárez Canal, exconselleiro de Medio Rural, e Diego Lourenzo, tenente alcalde da vila, representan dúas xeracións da formación nacionalista. Ambos participan no acto. 

Campaña electoral2019_mitin bng
O mitin do BNG celebrarase na Casa da Cultura da vila.

Nestes días de campaña nos que políticos de tódalas formacións percorren as estradas para tentar chegar ó maior número de votantes, as candidatas e os candidatos do Bloque Nacionalista Galego subliñan, nos seus actos electorais, que a formación nacionalista é a única que pode garantir unha oportunidade á sociedade galega dándolle voz propia no Congreso dos Deputados. 

Mañá xoves, 7 de novembro, a Casa da Cultura de Verín acollerá o mitin do BNG a partires das 20:30 horas. Un acto que servirá para presentarlle á veciñanza da vila ás candidatas e ós candidatos ó Congreso por Ourense da formación nacionalista. Curiosamente, é o único dos actos electorais celebrados en Verín nos que somentes estarán presentes políticos ourensáns.

Os mestres de ceremonia serán dous destacados líderes da formación nacionalista que representan dúas xeracións dentro do partido. Por unha banda, Diego Lourenzo, tenente alcalde de Verín e natural de Feces; pola outra, o histórico político nacionalista Alfredo Suárez Canal, exconselleiro de Medio Rural e nacido en Allariz.

O número un da candidatura do BNG por Ourense ó Congreso, Paco García, é ben coñecido na bisbarra, xa que exerce como secretario-interventor do Concello da Mezquita. O que fora, durante 18 anos, alcalde de Allariz, estará acompañado no mitin pola verinesa Samanta Barreira, número dous da candidatura do BNG, e por Perfecta Losada, natural de Oímbra e candidata ó Congreso polo BNG.

Entre todos, presentarán a súa candidatura ó Congreso para as Eleccións Xerais do vindeiro domingo, 10 de novembro, ó tempo que explican o programa electoral do BNG.

O BNG presenta na vila ós seus candidatos e candidatas ó Congreso por Ourense